Opinión

Nus

O título desta novela de Manuel Gago é elocuente de seu por facer explícitas varias dimensións da trama narrativa. As cales deixan ao descoberto significativos ámbitos do arrinque do entramado autonómico.

En primeira instancia por amosar os prexuízos dunha sociedade arcaica e sometida á relixión que, a principios dos pasados oitenta, combatía as primeiras experiencias nudistas. Levadas a cabo aquí na bisbarra do Barbanza e encarnadas nos membros máis novos das clases ilustradas.

O protagonista é a medra dunha consolidada estirpe aristocrática. Dende a idade madura e o seu confortábel estatus rememora os ‘pecados de mocidade’ da pequena revolución da que formou parte un universitario de posición acomodada e idealismo escéptico.

A través da súa iniciación sexual o relato descobre unha vertente que exhibe os intereses de clase do selecto grupo dos poderosos. Así as mulleres coas que manterá relacións supoñen diversos arquetipos dunha cambiante sociedade en período de profundas mudanzas.

Dunha banda quen, de orixes agrogandeiras, representa a vinculación coa terra. Doutra a vinculeira, perfumada cun purificador incenso eclesiástico, dunha estéril tradición nobiliaria. E a calculadora herdeira da puxante nova burguesía.

Opción triunfante esta, como non podía ser doutro xeito. Porque nunha atmosfera condicionada polas aparencias, movida polos intereses e  preocupada polo dominio e os cartos sempre impera a conveniencia.

A verdade dos afectos fica desprazada perante os intereses creados, como se pon de manifesto a propósito dos proxenitores do protagonista. A endogamia do poder non admite estraños: “Non pasamos de trescentas familias, todos casados entre nós, os que mandamos no país. Estamos no centro das cidades ou nas vilas”.

Mais a narración permite asemade enxergar a nudez dende outros ángulos. En relación con isto están as novas estruturas de mando dunha incipiente condición autonómica. Na que a crianza dos escollidos se instalará nos mellores postos, tanto na esfera política coma administrativa. Acomodación, logo, das vellas castas na cima da pirámide dos novos organigramas  democráticos.

A perda de peso dos sectores produtivos tradicionais leva consigo asemade inevitábeis fluxos de poboación. No crecente proceso expansivo das cidades a propiedade da terra vai acadar unha nova funcionalidade.

En relación coa cal a especulación urbanística constituirá unha inmellorábel fonte de lucro. Da que as clases dominantes, en connivencia co poder político e eclesiástico, han saír moi beneficiadas.

Como se declara, o mundo está constituído por historias de fasquía inverosímil, cheas de portas abertas, que cobran sentido cando alguén as une.

Esta é a atmosfera que paira sobre a obra. Consistente en amosar os poros íntimos dunha escura entretea de intereses. Se a aparencia é a de que se producen grandes transformacións, a realidade é a de que apenas cambia ren.

Comentarios