Opinión

Narrativa das Irmandades

Co gallo da celebración do centenario das Irmandades da Fala, a Real Academia Galega editou, entre 2016 e 2017, unha serie de publicacións relativas ás angueiras emprendidas polos responsábeis de alicerzar a cultura galega contemporánea.

Desta sorte realizáronse escolmas no eido da oratoria, prosa de ficción e non ficción, poesía e teatro. Unha destas obras é Irmandades da Fala: narrativa. Antoloxía, de quen se responsabilizou Ramón Nicolás, saída do prelo este mesmo ano.

O universo sobre o que se realiza a escolla abrangue un total de oitenta e tres publicacións, aparecidas entre 1919 e 1927 —denantes de que ao ano seguinte aparecese Nós e impuxese xa outros criterios editoriais—.

Xa que logo estámonos a referir aos volumes editados —as coleccións cítanse por orde decrecente canto aos títulos publicados— en Lar, ¡Terra a Nosa!, Céltiga, Alborada, Bibrioteca do Seminario de Estudos Galegos, Bibrioteca Galeguista, Galaxia e Libredón.

O universo sobre o que se realiza a escolla abrangue un total de oitenta e tres publicacións, aparecidas entre 1919 e 1927

 

Segundo sinala no limiar o autor da edición, este traballo, que constitúe o número 5 da colección Antoloxías da Academia, parte da consideración da existencia dun amplo corpus que tentou renovar na vertente temática -e mesmo técnica nalgún caso- a prosa galega.

Como ben se di, foi “un movemento de sístole-diástole no sistema literario galego esencia para avanzar e pór os esteos do que a novelística das grandes figuras da Época Nós nos deixaron; tamén para avanzar, inescusabelmente, na ampliación dunha base lectora en lingua galega”.

Este volume contén, xa que logo, un monllo de estimábeis traballos literarios que permiten albiscar e acaroarse ao proxecto de quen, hai agora unha centuria, apostou por ir asentando a caligrafía da nosa identidade.

Deste xeito, dende o que é unha perspectiva analítica, neste catálogo están presentes os primeiros traballos literarios dalgúns dos máximos responsábeis da construción da narrativa galega contemporánea, eis Do caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros (1919), Un ollo de vidro (1922), Pantelas, home libre (1925), de Vicente Risco, Afonso D. Rodríguez Castelao e Ramón Otero Pedrayo, respectivamente.

Mais, alén destas grandes figuras narrativas, o catálogo amosa unha serie de, tan interesantes coma descoñecidos, traballos que marcan tanto a variedade de propostas daquel entón coma a diversidade de liñas de creación cultivadas polos nosos creadores -algúns dos cales son, sobre todo, coñecidos pola escrita noutros xéneros—.

É este o caso, entre outros, de O deputado por Beiramar (1919), de Gonzalo López AbenteO vello mariñeiro toma o sol (1922), de Euxenio Montes —que contén un interesante “Auto-prólogo” sobre o conto—, Cabalgadas en Salnés (1925), de Fermín Bouza Brey ou d’ Os pobres de Deus (1925), de Luís Amado Carballo.

Será ben que estes meritorios traballos —que están adaptados á normativa galega actual—, promovidos pola nosa Academia Galega, teñan o eco e a divulgación necesarios, co fin de poderen ser achegados ao gran público lector.

Será ben que estes meritorios traballos —que están adaptados á normativa galega actual—, promovidos pola nosa Academia Galega, teñan o eco e a divulgación necesarios

 

Neste sentido é boa iniciativa que dende esta institución, en colaboración coa Consellaría de Educación, de cara ao inicio do curso que vén, se envíen exemplares destas publicacións aos centros de ensino público de Educación Secundaria e Bacharelato, para que o profesorado poida traballar con eles e dárllelos a coñecer ao conxunto do alumnado galego.

Comentarios