Opinión

Mestre comunista

Nestas datas preséntase en Fornelos de Montes o libro Manuel Lueiro Rey (1916-1990) A liberdade ferida, acabado de sacar do prelo por Edicións Xerais. A coordinación correu a cargo do profesor Ramón Nicolás Rodríguez, quen é especialista máximo na súa produción literaria e autor de numerosas edicións da obra deste escritor.

Nestas datas preséntase en Fornelos de Montes o libro Manuel Lueiro Rey (1916-1990) A liberdade ferida, acabado de sacar do prelo por Edicións Xerais. A coordinación correu a cargo do profesor Ramón Nicolás Rodríguez, quen é especialista máximo na súa produción literaria e autor de numerosas edicións da obra deste escritor.

Trátase dun completo volume no que se debullan diferentes aspectos en relación coa figura do autor homenaxeado. Encétase cun artigo de Francisco Lores, representante da Federación de Sociedades Galegas, relativo á experiencia daquel na Arxentina; no referido limiar dáse unha nota definitoria caracterizadora do conxunto do seu corpus: “é un escritor que tira os argumentos do pobo e logo, a través da súa pluma e a palabra, faillos chegar de novo”. Deseguido unha detallada cronobiografía actualiza os principais fitos da súa peripecia vital e intelectual.

"A esixíbel actualización e divulgación da figura deste creador —da que outros seguen aínda a procurar unha agardada ocasión— redimensiona cun pulo de luz os seus principais espazos vitais: O Grove, Pontevedra e Fornelos de Montes"

A obra incorpora un valioso material documental e fotográfico, proveniente da doazón dalgúns participantes nela e, sobre todo, da propia familia da dona, Maruxa Lores e de Manuel Lueiro. Asemade inclúe algunha creación súa inédita ou de escasa difusión.

O volume esgállase en varios eixes estruturais: perfís biográficos, estudos sobre a obra, colaboracións inspiradas na súa produción, creacións literarias. Así, entre outros, ata exceder ben a cifra das corenta contribucións, pódese citar a Herminio Barreiro, Isaac Díaz Pardo, Modesto Hermida, Gustavo Luca de Tena, Xosé Luís Méndez Ferrín, Olegario Sotelo Blanco e Xesús Alonso Montero.

A esixíbel actualización e divulgación da figura deste creador —da que outros seguen aínda a procurar unha agardada ocasión— redimensiona cun pulo de luz os seus principais espazos vitais: O Grove, Pontevedra e Fornelos de Montes, lugar este onde viu as primeiras raiolas, no mesmo intre que o idioma da nosa conciencia nacional collía folgos da man do proxecto das Irmandades da Fala.

Velaí, logo, unha merecida homenaxe, propiciada pola aparición deste volume colectivo, que, logo de tempo de espera, se pode ter xa nas mans. Parabéns aos responsábeis de rescatar e pór á luz un material que, sen dúbida, contribuirá a situar e a difundir mellor o perfil deste autor no panorama das nosas letras.

Comentarios