Opinión

A mensaxe entre as sombras

Con este título rescátase unha ben pouco coñecida faceta da produción artística dun autor fundamental da cultura galega contemporánea. A Obra poética de Isaac Díaz Pardo é o traballo que Esperanza Mariño edita e estuda neste volume.

Para compilar os diversos materiais ata agora dispersos a autora válese do rastrexo e provisión de textos en publicacións nas que el colaborou. Coma, a finais dos cincuenta, na revista ferrolá Aturuxo ou ben a clandestina Galicia Hoy (1966), editada en París por Ruedo Ibérico.

Mais este exercicio de rescate tamén bota man dos poemas seus inseridos na dramaturxia –nas traxedias existenciais Midas e O ángulo de pedra, ambas de 1957– e na narrativa –en Tentando construir uma esfige de pedra (2007)–.

Amais de incluír a tradución dun poema do libro Soledad imposible (1952), de Arturo Cuadrado. Así como os exhumados dos seus carteis de cego: A nave espacial (1970), O Marqués de Sargadelos (1970), O crimen de Londres (1977) e Castelao (1985).

De aí que este traballo contribúa a vindicar o impagábel labor do responsábel do truncado proxecto creado ao abeiro do Grupo Sargadelos. Mais tamén a recoller o inmenso legado creativo en forma de páxinas esparexidas por parte de quen foi empresario, artista gráfico –deseñador de carteis, pintor, caricaturista– investigador ou ceramista.

Tal é así que a súa “extraordinaria vea artística comportou o cultivo dos catro xéneros: poesía, teatro, narrativa e ensaio, sendo o máis descoñecido o poético, algo inxusto pois merece, como poucos, o nome de poeta no senso etimolóxico da Grecia clásica”, isto é un “transformador do mundo”.

É a autora deste traballo quen non deixa de facer énfase no rexeitamento do individualismo por parte de Isaac e, xa que logo, no do concepto da “arte pola arte”. Fronte ao cal a súa cosmovisión se fundamentaría na aposta polo exercicio colectivo.

Compromiso coa realidade da contorna a través do que o realismo se erixe en proposta estética preferente. Sen por iso desbotar outras olladas que asemade poidan dar cabida aos elementos imaxinarios ou irracionais. Sendo o seu piar fundamental o que decote para el constituíu un insobornábel amor por Galiza.

Angueira que se reflicte nas múltiples iniciativas levadas a termo: fundación das Cerámicas do Castro (1949), creación do Laboratorio de Formas, recuperación da antiga fábrica de Sargadelos en Cervo e constitución de Ediciós do Castro (1963), creación do Museo Carlos Maside e restauración do Seminario de Estudos Galegos (ambas en 1970) ou fundación do Instituto Galego de Información (1977). Sen obviar outras meritorias xeiras, como as súas colaboracións, nos anos cincuenta, na revista bonaerense Galicia Emigrante

Proxectos, en conxunto, que, canda notábeis membros do exilio, nomeadamente Luís Seoane, dan fe do seu trafego insobornábel en prol da recuperación económica, histórica e cultural de Galiza.

Comentarios