Opinión

Manuel Luís Acuña

A recente publicación das Actas do V Congreso Manuel Luís Acuña completa un fértil período de obras iniciado a comezos mesmo do presente milenio. Centradas na análise da figura intelectual e das súas circunstancias do escritor nado no concello da Pobra de Trives en 1899.

Autor dun emblemático libro de poemas –Fírgoas–, dado ao prelo na Editorial Nós en 1933, dende aquela altura o interese por esta pequena xoia poética determinaría que, a cargo de diversos selos, se reeditase noutras catro ocasións, chegándose a incluír nalgunha delas novas composicións.

Poeta vangardista, mestre da República, director de vizosas cabeceiras como o xornal galeguista coruñés El Momento ou a revista pedagóxica Escuela de Trabajo –producida no seo da Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense (ATEO)–, membro do Partido Galeguista, mestre represaliado que exerceu a docencia na posguerra en academias ourensás.

No seu perfil, polo tanto, conxúganse, en síntese, algunhas das mellores esencias do agromar e do desenvolvemento das capacidades dunha identidade propia, truncadas á forza coas culatas da represión.

Sexa como for, resulta incuestionábel a atracción que o legado intelectual deste –silenciado– autor leva concitado nas nosas letras por parte dun amplo e diverso espectro do noso olimpo cultural.

De nos cinxir só ao período inicialmente considerado, é obrigado referenciar, nunha apertada síntese, a ollada valorativa, afectiva, de estudo e recoñecemento achegada por notorias figuras da literatura galega.

Velaí están, entón, os cinco xogos de actas que, a carón doutras diversas publicacións –como o caso da alfaia literaria e artística titulada co nome do autor–, testemuñan a importancia do seu legado e actualizan unha realidade merecente de ben maior consideración.

Para paliar a pexa do difícil acceso a estas fontes, quen estiver interesado en consultar estes valiosos volumes, pódese botar man de catálogos de acceso común, coma os fondos da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia ou –en Celanova– da Casa dos Poetas.

Así é que nomes como os de Xesús Alonso Montero, Carlos Casares, Delfín Caseiro, Xosé Manuel Cid, Francisco Fernández del Riego, Carlos López Bernárdez, Ramón Nicolás ou Marcos Valcárcel –escolma dun moi amplo repertorio– se levan debruzado, unha e outra vez, no contexto e na obra deste escolleito autor.

No conxunto dos traballos vertidos nas páxinas destes cinco compendios de actas dos correspondentes congresos aparecen, de xeito recorrente, apelacións á importante bagaxe –sexa esta literaria, pedagóxica, política ou social– atesourada por uns intelectuais entregados de cheo á causa da redención cultural do país e á instrución das camadas populares, enxergado isto dende un criterio propio.

Por este motivo, a transcendencia de empresas coma esta acadan unha dimensión senlleira. Que é a de achegar, dende o eido orixinario, dende o substrato vital e creativo, a proxección dunha figura –discreta pero significante– do seu tempo ao conxunto da sociedade. Dentro do que cómpre singularizar o aproveitamento escolar que, neste caso, ao longo destas décadas se veu realizando.

Neste último libro de actas, o desaparecido Ramón Luís Acuña Sánchez, xornalista e fillo do escritor referido, expresaba a gratitude do labor realizado ata entón con verbas coma as que seguen: "Trives recórdao cunha rúa e cun fermoso busto no parque, que é para a nosa familia gran motivo de honra".

Logo desta frutífera xeira, é xa hora de lle ceder todo o protagonismo ao conxunto da sociedade da bisbarra trivesa, mais tamén á de significados puntos da súa biografía, como O Pereiro de Aguiar ou Ourense, para que abandeiren esta causa.

De sorte que, ao tempo que se profunda e divulga na obra dun autor, tamén se fai fincapé e reivindica o ámbito no que esta se xerou. O cal debe servir, entre outras consideracións relevantes, para rescatar e proclamar a importancia decisoria levada a cabo polo conxunto do maxisterio republicano. Responsábel, en gran medida, dun profundo modelo de transformación social.

Comentarios