Opinión

A máis fermosa roseira

A publicación da segunda edición d’ A máis fermosa roseira, baixo o selo da Asociación Cultural e Xuvenil de Ramirás, constitúe o peche dun ciclo creativo vital e intenso. O seu autor, o poeta popular Lois Antón (Escudeiros, 1931) encetaba en 2004 unha vizosa andaina editorial que o levaría a publicar neste percurso catro títulos poéticos e un de literatura dramática.

Na súa obra séntese decontino o fondo latexar da oralidade, de alguén que, dende cativo, coma tantas e coma tantos, se viu impelido a acadar temperá formación, en exclusiva, na escola da vida.

Segundo se sinala no prólogo —obra de Delfín Caseiro— “Igual que o riquísimo cancioneiro anónimo de tradición oral, os seus versos pintan a realidade que nos acolle, expresan o amor á terra, reforzan a dignidade da condición humana e manteñen viva a memoria da tradición”.

Subtitulado Cantigas para a escola, o libro espella unha fasquía común a toda a produción literaria do autor: a ocupación e preocupación (quer no literario, no vital, no político) polo mermado mundo da nosa infancia e mocidade.

O libro espella unha fasquía común a toda a produción literaria do autor: a ocupación e preocupación polo mermado mundo da nosa infancia e mocidade

Asemade inclúe —alén do epílogo De verso e loita compañeiro— un poema que non figuraba na primeira edición. Titulado O que nunca has esquecer, constitúe unha xurdia declaración de intencións que mesmo se podería alcumar como a asumíbel autopoética deste autor de xorne popular: “A resignación apouca,/a soberbia embrutece, a modestia dignifica/e o altruísmo enaltece.//A escola ilumina,/a cultura enriquece,/a ignorancia aniquila/e o conformismo empobrece”.

Na vontade e no testemuño do autor está legar os beneficios que a súa obra puider xerar para o organismo que mellor protexa a cultura galega. Militante nacionalista de fondo alento —a quen se lle dedicou en 2009 o libro colectivo Voz da terra, arela de pobo—, o poema inédito Camarada, de recente factura, define ben ás claras o cerne ideolóxico dun home curtido polo vivir e firme nos principios: “A vontade é o camiño,/estrela que o alumeou,/o convivir harmonioso/que Castelao nos legou”.

Como recendo renovado d’ A máis fermosa roseira no ar fica o valor enxebre do propio, do auténtico. A riqueza lingüística de raíz de toda a súa obra afonda nun mundo rural perdido que nos pertence, no valor extraordinario dunha cultura entrega que nos negan e da que nos quixeran privar.

Comentarios