Opinión

Luísa

Estanlle a acabar de caer as follas a un ano máis, cegado pola crise do mercantilismo, e xa van alá dez da túa ausencia.


Estanlle a acabar de caer as follas a un ano máis, cegado pola crise do mercantilismo, e xa van alá dez da túa ausencia.

Lémbrote debruzado no recordo das rúas lisboetas… Era cara á fin do pasado século. A vida noutro milenio que esmorecía.

"Aquela primavera a convicción das túas palabras, pronunciadas na Facultade Nova, acusaban unha realidade, nada cambiante, que escurecía o ambiente"

Aquela primavera a convicción das túas palabras, pronunciadas na Facultade Nova, acusaban unha realidade, nada cambiante, que escurecía o ambiente: “Entre a Galiza e Portugal ou entre Portugal e a Galiza, desde que bifurcaron as súas existencias, só media e mediou sempre unha terceira realidade nunca de todo lograda, nen convincente nen convencida, que se chama España”.

Que importa agora a continxencia do almanaque? No “Soliloquio da Serpe” —Mulher a facer vento (1998)— anotabas, naquela altura: “Na encrucillada das rotas viñemos a encontrarnos/ti eras eu e eu tamén viña de lonxe/para recoñecerte fóra da nimiedade do tempo”.

Fernando Martinho Guimarães, lembrando a cruenta nova da túa desaparición, trazaría a parábola do imposíbel no poema escrito co teu nome en son de poesía: “Unha notícia d’alem túmulo/chega-me via sms/(…)/Se nao tivesse telemóvel isso nao acontecia”.

O ano pasado tiven a sorte de coincidir nas aulas cunha compañeira, Natalia, quen, nos oitenta, fora alumna túa, un curso apenas —no mesmo instituto ferrolán de Canido en que Francisco Rodríguez lles daba forte alento aos versos de Rosalía—. Mais na vida dela, a través da promoción das aptitudes escénicas que tiña, ficou a marca indelébel da túa presenza.

"Será cuestión de que, co transcorrer dos anos, xa que dende as máis altas institucións nada se leva a cabo, alguén promova un exercicio de memoria que restaure do anonimato os nosos nomes esgrevios".

É mágoa que, procurándoche as pegadas no seu portal dixital, non fique ningún rastro —como acontece noutros salientábeis casos— do teu paso por este centro de ensino. Será cuestión de que, co transcorrer dos anos, xa que dende as máis altas institucións nada se leva a cabo, alguén promova un exercicio de memoria que restaure do anonimato os nosos nomes esgrevios.

Aínda hai ben pouco dei cun exemplar —cedido por Pepe Cáccamo— do teu Rota ao interior do ollo, obra, publicada en 1995, que supuña o comezo da vizosa andaina das Edições Tema, alentadas, dende Lisboa, durante anos, polo insobornábel Alberto Augusto Miranda.

A túa caligrafía semella esvaerse no trazo difuminado da sinatura da derradeira páxina deste título fugaz. Os versos que o pechan afondan no interior do baleiro creado tras a túa ausencia: “A soedade sabe como será despois de coñecer-te/unha espesura rota a procurar-te na cegueira”.

E entre nós, cada vez con máis forza, unha realidade alienante interposta.

Comentarios