Opinión

Lorca en Galiza

Na fin deste ano cúmprese unha efeméride significativa que cómpre non deixar de lado.


Na fin deste ano cúmprese unha efeméride significativa que cómpre non deixar de lado. Esta é a da publicación dos Seis poemas galegos, de Federico García Lorca, tirados do prelo da Editorial Nós, de Ánxel Casal, cuxo obradoiro se situaba no número 15 da compostelá rúa do Vilar.

Van alá xa oitenta anos disto, pois, como consta no peche do libro, “rematouse de imprentar en Santiago o 27 de Nadal do 1935”. Trátase dun volume, o LXXIII, que forma parte dun catálogo de publicacións galegas no que se asentan os piares da nosa expresión cultural.

No prólogo, da autoría de Eduardo Blanco Amor, este reproduce unha sentenza lorquiana na que se aclaran varias cuestións de importancia. Eis as súas palabras: “La verdad es que, a pesar de haberme bien leído mi Curros y mi Rosalía, el gallego lo aprendí en los vocabularios precaucionales que añades a tus libros de poemas. Debes ser tú, por lo tanto, quien ordenes éstos y quien los edite y quien los prologue”.

A primeira vez que visitou a nosa terra foi nunha viaxe de estudos en 1916

Deste xeito, amais de se xustificar a responsabilidade do prologuista —amigo seu dende uns anos antes do seu asasinato—, póñense en evidencia dous aspectos de interese. Un éo a positiva consideración súa cara á nosa lingua   —téñase en conta, a xeito de detalle, que aínda no Estatuto de Autonomía, votado en xuño do 36, se recoñecía (non exenta da tutelaxe estatal) a oficialidade do galego—. E o outro aspecto a subliñar é, sen dúbida, o coñecemento e recoñecemento literario por dúas figuras senlleiras do noso Rexurdimento, coma o autor granadino, universais.

A primeira vez que visitou a nosa terra foi nunha viaxe de estudos en 1916. Volvería na primavera de 1932, en calidade de conferenciante convidado polos Comités de Cooperación Intelectual e, xa no verán, como director do teatro universitario La Barraca.

Colabora na revista luguesa Yunque, a instancias do seu director, Ánxel Fole. Así, no número seis, publica o poema “Madrigal â cibdá de Santiago”, cuxos versos iniciais se chegarían a facer moi célebres —“Chove en Santiago/meu doce amor—, texto que se había converter no primeiro do libro editado no selo de Ánxel Casal.

Seis poemas galegos de alto valor literario, que, enxergados dende unha perspectiva socio-lingüística, representan unha valiosa declaración de intencións, en acento propio, dunha voz de expresión universal.

Comentarios