Opinión

Longa noite de pedra

Nunha entrevista recente, acabado de nomear académico correspondente da RAG, Ramón Nicolás singulariza o labor e a dedicación que lle leva prestado a significativas figuras das nosas letras. Entre elas, e dun xeito sobranceiro, o nome de Celso Emilio Ferreiro acada unha mención especial. Tanto polas numerosas páxinas dedicadas ao estudo da súa obra como polas valiosas achegas que ofrece a súa perspectiva.

Mostra disto constitúeo a nova edición feita de Longa noite de pedra. Un libro paradigmático na traxectoria do autor e determinante no sistema literario galego. Xa sexa pola fonda repercusión no contexto da sociedade do seu tempo ou pola ampla popularidade da que leva gozado dende a súa saída hai seis décadas.

Froito disto son as múltiples edicións –e traducións– aparecidas en moi diversos selos editoriais. De tal xeito que se pode afirmar que é un libro beneficiado pola fortuna, dado que, aínda en vida do autor, xa se levaban vendidos máis de vinte e cinco mil exemplares no ámbito internacional.

E que, a dicir deste senlleiro celanovés, supuña unha auténtica antropoética, a expresión do home revelado pola palabra, que se fundamenta na verdade. A propósito do cal afirmaba o poeta nicaraguano Ernesto Cardenal que “a verdá, cando ten vontade de ser poema, xa é poesía”.

No documentado estudo introdutorio informa Ramón Nicolás da xénese e pormenores dunha obra –tendente a exercer a solidariedade cun plural colectivo–  que, dende o mesmo sintagma do título, se convertería en emblema antifascista.

Sendo a letra do discurso poético e ideolóxico asumida, de xeito reiterado, pola voz de numerosos intérpretes musicais, quen, ao longo das décadas, foron amplificando a riqueza rítmica e liberadora destes versos.

Mais cómpre non obviar a pluralidade de voces e rexistros dunha produción que excede a mensaxe política. A cal, como se apunta, “funciona como un todo unitario e garda unha sorprendente unidade temática e estilística que o autor asume”.

Así, no concernente á súa variedade de propostas, á beira dos textos de preocupación social, hainos en clave intimista, mentres que outros se insiren nunha fecunda tradición irónico-sarcástica de noso.

En definitiva, a nova edición deste gran supervendas poético chamado Longa noite de pedra non fai senón confirmar a atracción, o interese e a modernidade dun clásico das nosas letras.

Ao tempo que, enxergado dende a perspectiva da ampla obra dun autor con múltiples modulacións, proxecta a figura de Celso Emilio cara á necesidade de considerar novos retos.

Sempre tendo presente o espazo vivencial e motivador do seu mundo orixinario, que é o territorio de Celanova. Dende onde é mester, unha e outra vez, avivar o folgo inesgotábel dos seus versos. Que, avantando contratempos, seguen prolongándose no tempo: “Pode o corpo ser vencido,/pode o dereito ser torto,/mais o lume que alampea,/xamais o veredes morto”.

Comentarios