martes 11/05/21

Lingua para vencer. Versos para convencer

Este setembro do comezo do curso escolar coincide coa data do pasamento de Manuel María, o escritor en quen se celebran as letras galegas durante 2016. Porén, ao igual que a súa obra e o seu herdo seguen de plena vixencia, cómpre lembrar que a súa actualidade académica, coma as aulas, non fixo máis que principiar. Deseguido expóñense algunhas das moitas razóns que aseveran este xusto merecemento.

“Leer é perigoso/pois o que lée, pensa/i o que pensa/remata/tendo malas ideas”. Estes versos–proverbio do libro Cantigas de escarnio e maldicir, de Celso Emilio, déronse a coñecer na fin da década dos sesenta. Cando Manuel María fora nomeado correspondente da RAG, da que renunciaría pronto por non estar “á altura que esixen as circunstancias históricas que, nistes intres, vive Galicia i a súa cultura”.

Non foi ata principios de 2003 cando se produciu o seu ingreso en tal institución científica, que ten como obxectivo fundamental o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego.

Que é o que el creou e recreou en toda a súa traxectoria creativa: a pulsión do escribir que se transforma no devezo de falar

Que é o que el creou e recreou en toda a súa traxectoria creativa: a pulsión do escribir que se transforma no devezo de falar. Pois na diversidade de rexistros de toda a súa obra exprésase a voz consciente do idioma dun pobo que reclama a súa normalidade.

Unha breve esculca pola súa produción poética abonda para decatarse de que nela latexa o espírito radical da autenticidade que transcende a dimensión creativa e se impón como conciencia normalizadora auténtica.

En “Canto ao idioma galego” (Cantos rodados…) este convértese en bandeira redentora da esperanza: “Ti tés que rexurdir puro,/poderoso, enteiro/para erguer o noso futuro/de povo absoluto e verdadeiro”.

Xa que é o noso capital auténtico, como amosa en “A palabra” (A lus resuscitada): “Nós, de verdade, unicamente temos/a palabra. Só a palabra verdadeira”. E engadirá: “Este é o único xeito/de estar co pobo:/compartindo a palabra/que nos xungue e nos salva” (Versos para un país...).

A apelación á consciencia do indiviudo agroma reveladora n' Os soños na gaiola: “Galiza somos nós: a xente e mais a fala/¡Si buscas a Galiza/en ti tes que atopala”.

Freixeiro Mato (A esencia máis nosa) cita a “identificación de Manuel María coa lingua galega, e co pobo que a fala, pondo en relevo a perfecta simbiose existente (…) entre a persoa e a terra en que naceu e se criou”. De aí que “Renunciar ao idioma/é ser mudo e morrer./Precisamos a lingua/se queremos vencer!” (As rúas...).

Son todas mostras xurdias do irrenunciábel compromiso que se atopa a moreas na súa produción poética. E dunha tradición cultural da que se sabe arte e parte.

O que inclúe o recoñecemento aos que o precederon. Eis a “Mensaxe a Manuel Curros Enríquez (Remol): “Antes de ti Galiza era/escuridade sulgada na choiva”. Ou A Rosalía: “Grazas, nai Rosalía, polo feito/de recobrar o idioma e a canción,/as palabras que enchen todo o peito/e poden aquecer o corazón…!”.

Conmemorar a súa obra é unha chamada colectiva a esfarelar xuízos e prexuízos aniquiladores

Conmemorar a súa obra é unha chamada colectiva a esfarelar xuízos e prexuízos aniquiladores. Evidente no recoñecemento máximo ao papel dos educadores: “Ti defende sempre a nosa herencia:/este idioma negado e perseguido/por séculos de odio e impotencia”.

Resulta motivo de gozo que o ano do centenario das Irmandades da Fala sexa o elixido pola RAG, que acaba de recorrer o decreto de plurilingüismo do goberno galego perante o Tribunal Europeo dos dereitos Humanos, para reivindicar a obra literaria de Manuel María.

O seu legado actualízase a través da voz poderosa que emerxe das súas páxinas. Que reclama que o noso idioma se converta en lingua de instalación maioritaria de quen arelamos vivir nunha sociedade moderna e próspera.

comentarios