Opinión

Libros da Frouma: "CaRa inversa"

En 1998, no prelo da compostelá Follas Novas Edicións, editábase o primeiro libro da colección de poesía Libros da Frouma. Dende aquelas datas ata este mesmo comezo de verán —en que saíu o seu derradeiro volume— publicáronse nela un total de setenta obras de poesía en galego.

En 1998, no prelo da compostelá Follas Novas Edicións, editábase o primeiro libro da colección de poesía Libros da Frouma. Dende aquelas datas ata este mesmo comezo de verán —en que saíu o seu derradeiro volume— publicáronse nela un total de setenta obras de poesía en galego.

"Nun tempo no que a nosa cultura e, por extensión, a nosa lingua está desasistida, desamparada, castigada e menosprezada por uns poderes públicos que se deben a ela mesma"

Este feito constitúe un labor salientábel de seu no noso sistema, sobre todo, dentro do que é a letra impresa, en especial nun xénero no que as editoras principais se pregan ás leis do mercado. Nun tempo no que a nosa cultura e, por extensión, a nosa lingua está desasistida, desamparada, castigada e menosprezada por uns poderes públicos que se deben a ela mesma. Nunha época na que os medios de comunicación maioritarios vetan, ocultan e silencian calquera expresión no noso idioma; son opacos ao libro galego e moito máis ao que é a produción poética.

O mérito do folgo desta colección é debido, sobre todo, á aposta desinteresada de Rafael Silva, dono da libraría compostelá que lle dá nome á editorial, e, principalmente, ao esforzo continuado do director da colección, Luís Alonso Girgado.

O catálogo de autoras e autores que a conforman é amplo e plural: poetas de moi diversa experiencia e sensibilidade, que lles dan ao conxunto de obras que comprende gran diversidade.

No repertorio de títulos, canda a meirande parte de orixinais publicados, inclúense reedicións dalgunhas obras senlleiras da nosa literatura. É este o caso do Cancioneiro Popular Galego, de Álvaro das Casas —editado orixinariamente en Chile en 1939—, d’ A frauta i-o garamelo, de Avilés de Taramancos —cuxa primeira edición era de 1959— ou mesmo de senllas obras que deixaron pegada firme na poesía galega contemporánea, como son E direivos eu do mister das cobras, de Manuel Vilanova, e mais Calados esconxuros, de Antón Tovar —as cales viran luz en 1980—. E todo isto sen se esquecer da tradución completa d’ A terra baldía, de T. S. Eliot.

No haber da colección está tamén un fermoso volume colectivo, O libro dos abanos, conformado a partir dunha exposición —que chegaría a ser ambulante e levaría a voz viva dos/-as poetas ao longo do noso territorio— integrada por leques ilustrados, individualmente, con poesía e pintura, por numerosas creadoras e creadores galegos.

"É esta unha auténtica alfaia, poética e pictórica, que lle pon o ramo, de xeito inmellorábel a unha máis que digna colección de poesía. É este un libro senlleiro que non debería pasar inadvertido e debería figurar en toda biblioteca".

CaRa inversa é a obra coa que pecha “Libros da Frouma”. Trátase dun amplo mosaico de poemas visuais e de textos poéticos da autoría de Xosé María Álvarez Cáccamo e de Baldo Ramos —autor de numerosas cubertas e ilustracións de poemarios da colección—; creacións e creadores que dialogan entre si, nunha obra reversíbel, na que a cada libro de autor lle corresponde un poema, elaborados entrambos por cada un deles.

Entremedias dunha e doutra proposta creativa, un texto contextualizador, “CaRa inversa, un vieiro desde o obxecto á palabra”, da autoría de Carlos L. Bernárdez. Del son estas palabras: “Nesta sociedade da imaxe, o obxecto aparece constantemente banalizado, convertido en simple produto de consumo. Pero o que demostran as obras de ambos os creadores é que a arte pode contribuír a ollar doutro xeito a realidade, a reforzar, a partir de obxectos comúns, os significantes que alimentan a orde simbólica, e así contribuíren a que a nosa percepción sexa máis libre e máis rica”.

É esta unha auténtica alfaia, poética e pictórica, que lle pon o ramo, de xeito inmellorábel a unha máis que digna colección de poesía. É este un libro senlleiro que non debería pasar inadvertido e debería figurar en toda biblioteca. É este un produto eximio de dous dos máis significativos representantes da poesía e da creación galega.

A palabra poética convértese en invitación á (re)lectura do corpus deste valioso catálogo, é chama acesa que aviva a labarada estremecida do traballo incansábel a facermos por esta terra, é proclama intelixente para lles pór os nosos nomes ás cousas e esconxurar de vez o mal agoiro: “no interior do silencio/as palabras saben máis do que calan” (BR), “retire m de morte e agarime/co bico do dedo corazón/a silueta do g, talvez Galiza ou guía” (AC).

Comentarios