Opinión

Libros ao .gal

Facer visíbel o que para moita xente estivo sempre oculto; acompañar a normalidade lectora cotiá dun pobo vivo e comprometido. Estes son os obxectivos básicos da subtitulada Breve historia da literatura galega, da que é autora Mercedes Queixas, cuxo suxestivo nome é De pergamiños, follas voandeiras e libros ao.gal.

Manual divulgativo, escrito cun claro afán didáctico, exemplarizante e de amena lectura, convértese nunha útil ferramenta para docentes e escolares, apta para lectores e lectoras cun moi diverso grao de introdución no ámbito das nosas letras.

Manual divulgativo, escrito cun claro afán didáctico, exemplarizante e de amena lectura

Isto xa fica de manifesto nas respectivas citas que encetan os diferentes capítulos de cada un dos bloques estruturais, que constitúen un xeito de insinuación que dialoga co contido tratado. Valla de exemplo unha, elocuente de seu, da autoría de Manuel Murguía: “O pobo que esquece e escarnece o seu idioma estalle dicindo ao resto da humanidade que perdeu a súa dignidade”.

O volume está construído cunha estrutura discursiva de carácter explicativo e argumentativo. Repárese, por exemplo, nunha mostra, relativa ao período de xurdimento da nosa lingua: “E de onde xorde esta tradición potencial lírica? Cal é a súa procedencia? Cales poden ser as razóns que expliquen a súa tan lograda e valorada implantación no reino galego? Como tería sido ese proceso?”.

Interrogantes que, sen ollar nunca para fóra, decontado, atinxen unha acaída resposta formulada dende o noso sistema literario: “prestixiosa realidade e normalizada expresión monolingüe, en galego medieval, que atinxe tanto á lingua de reis como á lingua do pobo e que xustifica que compositores procedentes doutras áreas lingüísticas escollesen de preferencia o galegoportugués e os parámetros da nosa escola medieval”.

O xorne pedagóxico e globalizador da obra non é alleo á reinterpretación crítica de discursos establecidos da nosa tradición: “Semella difícil ignorar a autoría das cantigas de amigo por parte das mulleres, cando eran elas as principais cantoras das súas comunidades, ao adaptaren os seus cantos aos ritmos do traballo cotián das panadeiras, lavandeiras, costureiras, tecedeiras, seitureiras etc., sobrevivente con posterioridade no cancioneiro popular galego”.

A focaxe da reivindicación dun papel activo e protagonista da muller resulta visíbel noutras pasaxes da relectura da nosa historia, como acontece para o caso da cantiga de amor: “este novo contexto, instigado pola Igrexa católica, instituíu significativas mudanzas na vida social e, en especial, para a vida das mulleres, onde esta deixou incluso de ter dereito á herdanza familiar e foi privada do papel erótico activo que tiña amosado no cancioneiro de amigo para a reeducar conforme criterios de sublimación meramente espiritual”.

A focaxe da reivindicación dun papel activo e protagonista da muller resulta visíbel noutras pasaxes da relectura da nosa historia

É, pois, de agradecer, o enfoque pretendidamente nivelador que a obra posúe de cara a visibilizar moitas figuras literarias que, por mor dunha consuetudinaria discriminación de xénero, fican aínda en penumbra. A propósito do dito cómpre referirse ao traballo Defensa de las mujeres (1726), do Padre Feixoo, quen “denunciará os tópicos e prexuízos misóxinos que conducían a muller ao estrito ámbito doméstico ben lonxe de calquera outra actividade intelectual”.

De aí que, nun manual destas características, exento, obviamente, de vontade totalizadora, resulte plausíbel referir moitas creadoras que, de non mediar unha intencionalidade ao respecto, talvez nin serían obxecto de cita. Como pode ser o caso de moitas poetas decimonónicas que se deron a coñecer a través da prensa: Filomena Dato, Valentina Lago, Avelina Valladares, Esperanza Roca, Nicolasa Añón ou Clara Corral.

Son estas razóns que converten esta obra nun valioso exercicio ensaístico divulgador. No cal, de xeito harmonioso, se van entrelazando unhas partes con outras.

Unha retrospectiva de noso que —de non ser polo meramente insinuador derradeiro capítulo, “Unha escrita en proceso de redescuberta”— conclúe arredor da data de 1975.

Con ser este un criterio válido e operativo para pechar o corpus, sería interesante que o estudo se achegase á mesma actualidade. Por iso lle formulamos arestora á autora o reto de continuar na súa empresa deica sistematizar, pór en claro e tecer e destecer moitos dos fíos e nobelos que conforman a urdime literaria e cultural do noso presente.

Comentarios