Opinión

Libraría Couceiro

Estes días a compostelá Libraría Couceiro está a celebrar os seus primeiros cincuenta anos de vida. E con eles unha morea de angueiras, ilusións e proxectos que a moitos nos levan acompañado ao longo da existencia e, dende logo, teñen contribuído, en non pequena medida, ao desenvolvemento e visibilización da literatura galega.

As primeiras veces que entrei neste espazo, en plena zona nova, foi cara a finais da década dos oitenta, coincidindo coa continuidade dos estudos nas aulas da vella facultade de Filoloxía.

Lembro o gozo que me produciu o acceso e o contacto directo cunha infinidade de libros, en especial en galego e en portugués. Mais tamén a resposta decote solícita á procura dalgún outro título demandado que non figuraba no seu fondo. E, sobre todo, o trato afábel, próximo e cómplice de quen, á fronte da libraría, facía que sentises sempre a comodidade de, sen dúbida, estares na túa casa.

Dende aquela altura ata a actualidade seguín tendo o privilexio de compartir moitos gratificantes momentos, ao fío da nosa cultura, coa gran familia de lectoras e lectores creada, con vagar, dedicación e intelixencia, por Xesús e Isabel. E agora incrementada co labor dos seus fillos Pablo, María e Araceli, sen tampouco esquecermos o persoal que alí traballa.

O empeño de quen lle dá nome á libraría vai máis alá do aparente. Pois, como é sabido, foi, no seu día, un dos creadores, e é dos que segue a manter a imprescindíbel Edicións Laiovento. Cuxo impagábel catálogo contribúe, de forma poderosa, dende unha óptica progresista, á construción nacional de Galiza.

E neste sentido non podo esquecer a favorábel recepción e xenerosidade con que, os responsábeis deste selo editorial, acolleron un título meu que, pechando o pasado milenio, non se chegara a editar —por cuestións que agora non veñen ao caso— onde, de inicio, esta previsto.

O que determinou que, entre as súas paredes, realizase, quen isto escribe, a primeira presentación dunha obra literaria propia, ao que, logo, lle haberían seguir, dende aquela, un bo feixe de eventos.

Merecente de recordación é asemade o boletín Ben dado, distribuído entre o ámbito escolar, e que supuxo, durante moitos anos, un tan rigoroso coma imprescindíbel catálogo de publicacións galegas.

Mais outras moitas levan sido as mostras de compromiso constante desta familia coa cultura de noso e, en especial, co libro galego. E aquí non podo obviar tampouco o entusiasmo e a implicación prestada cando, por volta de 2004, lle presentara un proxecto editorial colectivo —con autoras e autores galegos e portugueses— que, publicado co título son de poesía, constituíra o tributo dunha homenaxe creativa a catro poetas daquela acabados de desaparecer.

Son estes só algúns dos recordos persoais traídos á acordanza en relación cun lugar especial e singular da nosa cultura. Sen dúbida que na cartografía da capital, e por extensión do conxunto da nación, se foron materializando algúns dos mellores soños grazas ao saber atesourado na República do Salvador, primeiro, na rúa do Hórreo, logo, e, agora, na praza de Cervantes.

E o que teño ben claro é que na atracción que decote sentín por Compostela a Libraría Couceiro sempre tivo, sen lugar a dúbidas, moito que ver.

Parabéns polo camiño andado. Por moitos anos!

Comentarios