Opinión

Lembranzas dun tempo esquecido

Lois Antón é un nome que para moitos di moito. O declamador espontáneo que no medio dun acto público ergue o verso do seu verbo reivindicativo. 

Lois Antón é un nome que para moitos di moito. O declamador espontáneo que no medio dun acto público ergue o verso do seu verbo reivindicativo. O animador de tantas xeiras nacionalistas, na bisbarra de Terra de Celanova e Baixa Limia, en Ourense, en Compostela. O habelencioso elaborador de apócemas licor que suavizan a voz e levantan o espírito. O esmerado ebanista que rescata do esquecemento a alma en miniatura dos aveños agrícolas tradicionais. O falante insomne das lerias nocturnas da radio galega.

"Lois Antón é o declamador espontáneo que no medio dun acto público ergue o verso do seu verbo reivindicativo"

Inspirado na súa figura editárase, en 2009, un curioso volume titulado Voz da terra, arela de pobo. A singularidade desta obra radica, entre outros aspectos, en ser unha homenaxe a un militante nacionalista galego de base na que, dende a unidade e a lealdade, participaron moitos dos protagonistas da política galega exercida naquela altura polo BNG.

Nado en Escudeiros (Ramirás) en 1931, no seo dunha numerosa familia campesiña, coma a maioría da nosa xente daquela época, a escola da vida substituíulle o contacto cos libros e aprendeulle a lección diaria da miseria e da represión. Logo virían os tempos da emigración holandesa denantes de se xubilar.

Mais, por enriba de todo, Lois Antón é un escritor popular. Coñecido polos seus poemas, recollidos moitos en tres volumes xa dados ao prelo, é tamén autor teatral. Co selo da Asociación Cultural e Xuvenil de Ramirás acábase de editar agora Lembranzas dun tempo esquecido.

Trátase dunha obra que recolle catro pezas dramáticas da súa autoría. Nelas latexa a expresión sinxela e fonda da xente do noso pobo, que sabe moito de compromiso e de sacrificio, mais que non entende ren de resignación.

A acción sitúase en significativos períodos do pasado século. A temática de cada unha das pezas supón un novo vieiro de expresión dalgunhas das fondas inquedanzas deste escritor popular: a imposición lingüística do castelán, en Aquela néboa no eido; o éxodo forzado para as cidades en Unha vida por outra; a emigración como fuxida da miseria social aldeá en Xeada na primavera; os asasinatos cometidos polos sublevados dende o 36, dos que agora algúns fachendean, en Corisco daquel frío inverno.

O autor emprega unha lingua viva, de base popular, que dota o conxunto dunha especial riqueza idiomática, baseada na expresión directa e enxebre do rico mundo dos labregos do interior ourensán.

A maiores do valor literario e da clareza expresiva que posúe de seu, este libro constitúe un valioso documento para pescudar nos cambios que unha boa parte da sociedade galega experimentou nas últimas décadas. Os cales están enxergados dende a ollada crítica de alguén que é protagonista deles de primeira man.