Opinión

Lapis na noite

Na súa segunda entrega narrativa, Ramón Nicolás enxerga con habilidade a represión propiciada pola ditadura arxentina, a inicios do derradeiro cuarto do século XX. E, nun fluír perverso da historia, mesmo chega a vencellala coa tentativa de fuxida da barbarie exercida aquí polo franquismo.

Ao final, como se indica no relato, todo estaba previsto. O malfado, para nada aleatorio, sempre se ceiba contra os mesmos, as clases populares máis concienciadas. No tocante a todos aqueles desaparecidos, por volta dun trinta por cento eran obreiros e máis dun vinte por cento estudantes.

O atentado, con total impunidade, contra o conxunto da poboación fica ben posto en claro nesta cita, referida a un dos máis de cincocentos centros clandestinos de detención estendidos polo país austral: “Coñeceuse hai pouco que, naquel lugar e durante sete anos, a Armada violou os dereitos humanos máis elementais, a través da posta en práctica do secuestro, tortura e desaparición de máis de cinco mil persoas, alén de perpetrar o roubo de acabados de nacer, obrigando ao traballo forzado e saqueando os bens das persoas detidas”.

A tanta sangrante inhumanidade aplicoulle, no seu día, aquí, Castelao o sintagma icónico O que fixeron. Onde, por certo, vai sendo hora xa de esfarelar do imaxinario, como resumo dunha época maldita, o Val dos Caídos e substituílo por A derradeira lección do mestre, que simboliza mellor tanta barbarie cometida.

O control da educación é piar fundamental das políticas exercidas polas forzas reaccionarias. Así, ao longo das páxinas de Lapis na noite sobrevoan, coma aqueles fatídicos voos cara ao alén, todas as pexas impostas ás clases populares no acceso á formación superior —agora encubertas en encarecemento de taxas, fuga de cerebros…—. E, dende logo, a manipulación —canda a informativa— do currículo, en aras do fomento do “destino nacional” ou de “restaurar a orde na educación”. Ladaíñas ben coñecidas aínda agora, non si?

Outros moitos son os méritos que se lle poden apor a este exercicio narrativo. Entre eles espellar os rastros da fecunda relación mantida polos galegos na beira do río da Prata. Manifesta, por exemplo, no Ateneo, libraría do descendente dun canteiro de Forcarei, frecuentada por Arturo Cuadrado, Luís Seoane, Rafael Dieste ou Lorenzo Varela. San Telmo, o barrio dos galegos por excelencia. E os múltiples oficios exercidos polos nosos transterrados, quen chegaron a crear unha entidade gremial co nome de Centro de Almaceneros.

A propósito das múltiples pegadas da fecunda relación dos galegos coa Arxentina quero singularizar unha, de volta, que, a ben seguro, non lle ha resultar indiferente ao autor.

Na novela aparece citado o lunfardismo yapa. E este termo, na miña infancia, en Escudeiros —onde, por certo, mellor se practicaba o truco, xogo de cartas traído de alá polos moitos emigrantes retornados—, terra de adopción de Ramón Nicolás, estaba vivo na expresión De yapa, co sentido ‘de propina’. Estou ben seguro que se a algunha persoa maior lle dicimos ‘Mira, isto aínda é para ti de yapa’, logo dun breve acougo, nos ha dicir sorrindo ‘A miña beizón’.

Ao fin terapéutico da escrita faise referencia nestas páxinas, ao tempo que se interroga sobre a posibilidade de curar as feridas coa palabra. Mais, como ben se indica no texto con palabras, non se trata de reconciliar, o verbo é reparar: “Aqueles desaparecidos, as súas familias, os seus fillos, tantos deles tamén secuestrados e roubados, só querían seguir coa súa vida, máis nada”.

Comentarios