Opinión

Interior, zona cero

Non cómpre ser moi viaxados para calquera se decatar da crúa realidade que sofre o interior de Galiza: avellentamento e perda de poboación. Sobran adxectivos, xa que con ningún se pode expresar este drama.

Non cómpre ser moi viaxados para calquera se decatar da crúa realidade que sofre o interior de Galiza: avellentamento e perda de poboación. Sobran adxectivos, xa que con ningún se pode expresar este drama.

Así, segundo datos extraídos dun estudo do Instituto Galego de Estatística, no territorio ourensán reducirase a xa mermadísima poboación en máis de trinta mil persoas no decenio que temos por diante.

De se reparar en bisbarras concretas, as de perfil rural —todas agás a da capital, que tamén perdería poboación—, o panorama resulta aínda moito máis anguriante. Isto é debido ao predicíbel forte descenso do número de habitantes en vastos territorios que xa hoxe, por definilo cun sintagma preciso, son un ermeiro desolador.

"No territorio ourensán reducirase a xa mermadísima poboación en máis de trinta mil persoas no decenio que temos por diante".

As principais causas do descenso son evidentes: morte das persoas de máis idade, desterramento das máis novas e con mellor cualificación.

“Que demos acontece nesa aldea?” inquiría Manuel Curros Enríquez no poema “As dúas pragas”, publicado no seu libro de 1880.

Perante esta pregunta, hai que dicir que isto é consecuencia directa do desmantelamento sistemático que a clase política —co centro de gravidade e intereses fóra de Galiza— leva décadas aplicando aos sectores básicos da nosa economía —agricultura, gandaría, forestal—, privándonos do dereito a producir e a nos reproducir.

Alén da falla absoluta de alternativas rendíbeis para as galegas e galegos derivadas dunha nula infraestrutura industrial ou da inmensa riqueza que xeran as enerxías —hidroeléctricas, eólicas— producidas nesta terra. Téñase en conta que, no ámbito do estado, somos os principais produtores e os que menos consumimos.

Vendo as declaracións, publicadas na prensa provincial nos derradeiros días do pasado ano a propósito dos augurios do IGE, dalgúns dos máximos responsábeis políticos de moitos dos concellos que sufrirán un forte retroceso de poboación está claro que con eles non hai alternativas posíbeis.

"Dende o nacionalismo galego organizado nas vindeiras eleccións temos que (e)levar a nosa propia voz ao Parlamento europeo para reclamar o noso dereito a crearmos riqueza na nosa terra"

Dende o (des)goberno galego agora queren aplicar falsas medidas de aforro: a redución de deputados, que prexudica gravemente as forzas con menor representación, que reduce a nosa capacidade de representatividade política e que supón un atentado institucional contra a liberdade de expresión.

Quen isto propón son os que dende sempre levan aniquilado os recursos propios e malbaratadas as enormes cantidades de fondos públicos xestionados. Quen isto propón gasta moito máis —do que pretende reducir— en asesores e en campañas de publicidade para ocultar as múltiples miserias da realidade actual. O seu único fin é seguir (des)mandando no poder á forza de lle quitar a voz aos sectores máis castigados da poboación.

Dende o nacionalismo galego organizado nas vindeiras eleccións temos que (e)levar a nosa propia voz ao Parlamento europeo para reclamar o noso dereito a crearmos riqueza na nosa terra, para falar dos problemas que só nos atinxen a nós, para que non nos estafen o futuro falsos intermediarios que engordan a conta da política.

A tarefa que se ten por diante non só é a de non desaparecer —como, interesadamente, lle podería pasar ao interior do territorio de non se producir un cambio de política radical— senón a de presentar agora a nosa voz nas máis altas instancias políticas nas que se tomarán as auténticas decisións que condicionarán o noso futuro. Sermos soberanos é termos voz e voto nas cuestións que lles afectan á nosa sociedade e á nosa economía.

Comentarios