Opinión

No interior do abandono

Libro de fotografías de Carlos Lorenzo e poemas de Baldo Ramos. O material gráfico tirouse en lugares da Bola, Verea, Celanova e mais Carral.

Coincide no tempo o seu lanzamento co de esquecementos/olvidos, de Carlos Teijeiro. Espléndida edición, de temática análoga, aberta cun relato de Antonio Piñeiro, que conta con fotografías feitas en Ramirás e, tamén, con poemas de Baldo Ramos.

Nunha asumíbel introdución sobre a Galiza baleirada, José Antonio Fraga, en No interior do abandono, atina ao interpretar as causas do esborrallamento do noso mundo interior e achega algunhas propostas para reverter esta dramática situación: “O centro da economía deben ser as persoas, e iso condúcenos a un cambio de paradigma produtivo, a un modelo económico humanizado que poida transformar as relacións laborais, sociais, culturais e políticas”.

A imaxe que se proxecta no poema encaixa a visión no eido concreto do sentimento: “nese baleiro de sombras habitadas por ácaros insaciables/latexa unha pequena luz que abre as vosas veas/tupidas pola esperanza no pasado.//nesa esperanza eu si confío”.

Contra a esterilidade eríxese a linguaxe da poesía: “as palabras que carrexan o futuro prometido//nas cortes dese tempo necrosado/ficou esquecido un carro de palabras/ordenadas por tamaños//ninguén veu por el no tempo da colleita.//a lingua non deu o seu froito”.

Non resulta acaído instalarse nas coordenadas dunha nostalxia saudosa ou compracente —“habitar os recordos é un xeito de exiliarse,/unha maneira de perpetuar o desarraigo”—. Senón que é a toma de consciencia o instrumento máis operativo para enxergar a realidade: “o interior da casa é unha metáfora perfecta do que somos: natureza voraz comprimida entre as ruínas”.

A transcendencia da palabra, poética neste caso, exhíbese nunha composición cuxo título —“Aquel neno orfo volve a Acevedo do Río”— está cargado de reminiscencias dun lugar Onde o mundo se chama Celanova. E así o que cómpre é “deixarse ir como quen sente o desprezo/de quen non soubo acoller o neno orfo que vagou/por décadas de indiferenza e noites de esquecemento/ata dar co manancial da linguaxe”.

A perspectiva poética albisca chaves para combater a aniquilación. A permanencia dos espazos resulta decisoria á hora de preservar a identidade: “porque mentres a que foi a túa casa/se mantén intacta,/como a deixaches cando te fuches,/non sentes que o abandono é unha condena/que só cumprirás/cando cha tiren”.

Ou a proposta alternativa do “Chamamento okupa”: “somos xenerosos por legarvos/a cambio de futuro/todo o noso pasado:/ese tesouro intacto que agocha/cada unha das casas que vedes baleiras/neste agonizante/país do abandono”.

Portas que fican abertas para transitar unha congostra habitada de luceiros: “Un río que atravesa un camiño./Un camiño que atravesa un reino./Un reino percorrido por camiños que só levan a outros camiños”.

Comentarios