Opinión

Homenaxe a Xosé Otero Espasandín en Cerdedo

O sábado 27 de xullo, en Castro - Cerdedo, os membros da Asociación Ecoloxista e Cultural Verbo Xido realizan unha homenaxe a Xosé Otero Espasandín, intelectual exiliado en 1939 —e nunca retornado— orixinario do referido lugar.

O sábado 27 de xullo, en Castro - Cerdedo, os membros da Asociación Ecoloxista e Cultural Verbo Xido realizan unha homenaxe a Xosé Otero Espasandín, intelectual exiliado en 1939 —e nunca retornado— orixinario do referido lugar.

O programa da actividade pode consultarse neste enlace. 

Volto da guera de África en 1923, alí estableceu contacto con Rafael Dieste. Con el incorporarase á anovadora proposta educativa republicana das Misións Pedagóxicas.

A intención destas era levar aos lugares máis afastados do medio rural —ao tempo que se puña en valor a gran riqueza que este atesouraba— aquelas manifestacións culturais que só estaban ao alcance de quen vivían nas cidades e que por dereito lle correspondían a todas as persoas.

"A intención era levar aos lugares máis afastados do medio rural aquelas manifestacións culturais que só estaban ao alcance de quen vivían nas cidades e que por dereito lle correspondían a todas as persoas"

Os principais servizos que ofrecían as Misións eran: Museo do Pobo, Servizo de Bibliotecas, Cine, Coro, Teatro do Pobo, Servizo de Música, Retablo de Fantoches.

En 1934 tivo lugar a máis longa das misións desenvolvidas; discorreu por diversos puntos da xeografía galega. Á súa fronte estivo o autor d’ A fiestra valdeira, quen, ao seu paso por Malpica, realizou a primeira representación do referido teatro de monicreques que el dirixía.

En 1935 sería o propio Otero Espasandín quen dirixise unha Misión no contorno do monte Pindo. Mestre de formación, en 1923 empezara a traballar no Pósito de Pescadores de Ribeira. A súa vocación pedagóxica mesmo se albisca no título do seu poemario Alfabeto, que se prevía publicar na Editorial Nós mais que se perdeu no fragor dos avatares da guerra incivil.

Combatente no bando republicano, a comezos de 1938 escribe un interesante artigo na revista Nova Galiza. Publicación quincenal dos escritores galegos antifeixistas, promovida por Castelao, editada en Barcelona e distribuída entre os soldados galegos do exército leal á República.

Leva por título “As promesas galegas: a nosa escola”. A el corresponde a seguinte cita, referida á máis temperá etapa de formación de alguén que nacera en 1900: “eu non lle debo â escola nada como non sexa saber cantal-a táboa de multiplicar e faguer despois de moitos anos unhas operacións inacabables, sen ningún vencello coa realidade próusima nin lonxana (…) De haber tido unha boa escola primaria, unha boa escola Normal e unha boa escola Superior quezais oxe poidera ser un investigador capaz de ofrecer ao mundo algunha idea orixinal no campo mais puro da Matemática ou da Mecánica.”

"En Castro Domedio (Cerdedo), este sábado, imos reclamar unha educación pública de calidade que se ocupe e preocupe da formación integral das persoas"

Eis o testemuño dun home comprometido que puxo o seu saber ao servizo da instrución das clases populares. Eis a actualidade do escrito por mor da posta en práctica da pedagoxía neoliberal aplicada arestora pola dereita reaccionaria instaurada no poder.

Dela son estas só algunhas das súas consecuencias: degradación do ensino público e promoción descarada do privado, recortes de profesorado, reposición do crucifixo nas aulas, mercantilización da asistencia escolar, empobrecemento do estudo das humanidades, aposta reducionista pola formación profesional, impedimentos para o acceso dos fillos das clases populares aos estudos superiores, parálise de proxectos punteiros de investigación, falla total de investimentos en i+d+i, fuga de talentos que van malvender a excelencia dos seus currículos ao exterior…

En Castro Domedio (Cerdedo), este sábado, imos reclamar unha educación pública de calidade que se ocupe e preocupe da formación integral das persoas, que axude a mellorar as condicións de vida da xente e o progreso do noso territorio —dentro do que ten que ocupar un lugar de privilexio o noso abandonado eido rural— e que contribúa a corrixir as desigualdades sociais.

Comentarios