Opinión

Granito

Na base desta novela de Álex Alonso estase a levar a cabo un exercicio literario de gran rendemento narrativo. Para iso o autor traza unha crónica da vida viguesa na primeira metade dos anos noventa da pasada centuria.

Perspectivizando en paralelo, coa minucia analítica da omnisciencia editorial, as vidas de dous grupos humanos, na práctica antagónicos, mais que acabarán confluíndo. Unha reputada familia empresarial, dunha banda, e, doutra, uns axentes de seguridade que se moven decotío no gume da navalla.

Entrambos podería dicirse que constitúen o anverso e o reverso dunha cambiante e cosmopolita sociedade industrial. Que o acontecer da trama acabará por ir entretecendo ata que, de maneira irremediábel, se produza nela o grande estrondo climático conducente á traxedia.

Fora Truman Capote quen co seu libro In Cold Blood A sangue frío— acuñara, hai xa máis de medio século, o concepto de ‘novela de non ficción’. Inspirándose neste precedente, en Granito lévase a cabo unha non indisimulada vindicación.

Resulta ben significativo, neste sentido, o expresado pola voz narradora nun intre crucial do discurso: “Artellar unha historia a partir dos datos achegados polo xornal, fosen estes máis ou menos contrastados, e elaborar a túa propia verdade do que se supuña que puido pasar, atravesada tal certeza, xa que logo, pola peneira da ficción”.

Para levar a cabo a fabulación dunha realidade posíbel, na estrutura imbrícanse diversos planos narrativos. Por un lado os principais desencadeantes da historia, os membros da familia Fente Santomé e mais Louredo e Viñas, os citados axentes. Podéndose nomear ambos a dous polos como protagonistas e antagonistas do relato.

E, por outro lado, persoal da redacción do xornal Faro de Vigo. Quen, por brincadeiras ficcionais, será o encargado de contar os feitos e de facer verosímil unha realidade cotiá que achega os claroescuros dunha dimensión humana tan complexa como impresdincíbel.

No tocante ao escenario no que se desenvolven os feitos, estes sobordan o ámbito da cidade para dimensionar distintas localizacións da súa área metropolitana.

Con todo cómpre observar que moitas localizacións concretas, en especial do centro da metrópole, lle poñen luz a coñecidos escenarios de confluencia social daquela década. De xeito significado no concernente a nomeados espazos da vida viguesa nocturna do entón. Como é o caso de inesquecíbeis lugares da zona de Churruca.

É este un libro que exhibe un gran verismo lingüístico. Non só pola impronta dialectal manifestada nalgúns personaxes. Senón pola expresión diglósica decote posta en práctica polos membros da burguesía máis acomodada.

O que determina que no transcurso da diéxese non sexa infrecuente o uso do castelán en boca destes. Unha estratexia de saibo decimonónico, pois xa fora posta en práctica no primeiro libro narrativo editado na nosa lingua.

Comentarios