Opinión

Fornelos & Fornelos

Levan transcorridos xa oito anos dende que agromou o primeiro esteo deste proxecto literario do que é autor Xerardo Quintiá. Así, coma nunha imaxe tridimensional, agora ve luz Fornelos & Fornelos: terceira fundación.

De recibir a ruína como herdo devén a emoción do reencontro cunha serena señardade que actúa como guía do discurso lírico.

A idea de Fornelos está fundamentada na capacidade afectiva e proxecta, de xeito artístico, a sensibilidade operante na voz poética. Neste sentido é reveladora a afirmación de que hai signos “evidentes de que o poema só é unha maneira/de cantar a derrota”.

Instalados no presente proponse a arela imposíbel de descubrir a propia historia dende o paraíso marxinal da constatación do inevitábel esfarelar das orixes.

Nun intre determinado, denantes de ser complementada dende a ironía da modernidade, formúlase unha interrogante transcendente: “Que se edifica, entón, sobre este/desmantelamento do acontecido?”.

De se interpretar coma unha simple pregunta retórica, daquela findaría aquí a súa traxectoria. Ende ben o poemario dá pé a aventurar respostas posíbeis que, talvez, lonxe de ofreceren certezas, contribúen, en certa medida, a afirmaren desacougos.

O poema apreixa o corpo da evocación transformándoo en metáfora. Como acontecía nas evocadas Follas de herba, de Walt Whitman, no manancial do verso flúe o canto orixinal do auténtico.

Velaí, logo, o poder da transubstanciación, pois o poema provén “do inmaterial / da alma do mundo”.

“Eu son quen proclama o nome das cousas”, declara o verbo creador da voz poética. E orixínase unha cosmogonía da paisaxe onde, a través do pensamento, o propio se converte no ámbito da beleza.

A orfandade do apego a unha estirpe que non sobrevive faise evidente no espazo da vindicación na escrita das coordenadas poéticas: “ao igual que os meus devanceiros/cavo o terreo de labranza (dígase/horto/dígase leiro/dígase eido)”.

E, xa que logo, n’”A fantasía do sedentario”, asístese ao esborrallamento dos alicerces da identidade: “A idea de pertencer a un lugar/e formar parte dun espazo xeográfico/concreto    con nome-e-casa-con-fume/é unha percepción enganosa/do meu paso polo mundo”.

Pois é no abandono do idioma onde se sitúa a precisa e irreparábel dimensión da perda: “nada queda, entón, que entoar/aquí e agora, o himno de toponimias/que sinalen procedencias”.

Comentarios