Opinión

Festa da cultura galega en 2016

A celebración das Letras Galegas ao longo de 2016 convértese nunha oportunidade excelente para afondar no legado dun dos máximos responsábeis de contribuír a desbotar o sentido da expresión pondaliana ‘lingua de ferro’

A celebración das Letras Galegas ao longo de 2016 convértese nunha oportunidade excelente para afondar no legado dun dos máximos responsábeis de contribuír a desbotar o sentido da expresión pondaliana ‘lingua de ferro’. Porque é o escritor de Outeiro de Rei unha figura de múltiples vertentes intelectuais e de amplo rostro.

O seu incansábel labor levouno a traballar, a rego cheo, en moi diversas frontes, xa sexa na creación literaria —poeta, autor dramático, ensaísta, narrador—, no eido da edición —por mor do seu labor en Edicións Xistral—, ou na acción política a través do nacionalismo galego. Sen esquecermos a presenza cercana da súa palabra en numerosas causas solidarias da nosa realidade, ás que decote lles deu voto e puxo voz.
Na inmensidade do seu perfil algunhas das súas principais notas definitorias son o compromiso insobornábel coa lingua, a reivindicación da nosa cultura e a identificación coas clases populares.

De aí a grande atracción que o seu nome dende sempre suscitou entre boa parte da sociedade galega máis dinámica. De aí a proximidade do seu ideario, transparente, combativo, comprometido e auténtico.

"Entre os grandes logros da obra de Manuel María sobresaen dous: entregarnos unha lingua de ouro e agrandar o horizonte da fachenda de sermos pobo"

Xa que logo, pódese afirmar que entre os grandes logros da obra de Manuel María sobresaen dous: entregarnos unha lingua de ouro —debido á riqueza léxica ou á ampliación de rexistros do seu discurso— e, asemade, agrandar o horizonte da fachenda de sermos pobo.

É por iso que resulta encomiábel o labor da Fundación Manuel María de Estudos Galegos no devezo por divulgar a produción deste autor nas aulas, aplicábel xa dende o inicio deste curso escolar. Isto inclúe, entre outros recursos, a reedición dalgúns dos seus clásicos infantís e xuvenís e a distribución —a través do portal web— de unidades didácticas para os diferentes niveis educativos, así como a oferta de visitas dramatizadas na sede da propia fundación ou da exposición itinerante Manuel María: a palabra viva.

Toda unha atractiva mostra de propostas que, amais de seren aínda incrementábeis, teñen o valor engadido de agromaren do dinamismo de base da propia sociedade e de estaren destinadas ao sector máis novo da nosa poboación.

Como xa el advertía nos Versos para un país de minifundios —escritos en 1969, mais de plena actualidade—: “Desconfía, ¡ouh pobo meu!,/estén alerta contra aqueles/que deixan a túa fala/e dicen que te aman./Quen non está contigo/é teu nemigo, aínda/que os seus beizos/che mintan un amor/que nunca alumou seu corazón”.

Comentarios