Opinión

Fardel de eisilado

Co gallo de se cumpriren cento dez anos do nacemento de Luís Seoane viu luz unha edición facsimilar do seu Fardel de eisilado. O responsábel do documentado estudo introdutorio é o profesor Gregorio Ferreiro Fente.

Publicárase orixinariamente en Bos Aires, nunha das moitas empresas levadas a cabo polo autor, Edicións Ánxel Casal, en 1952. Neste volume desenvólvese unha poética de claro contido civil, da que, seguido o tempo, na orfandade do panorama intelectual da posguerra, haberían agromar outras salientábeis mostras na nosa lingua.

Xa que foron os membros da súa xeración –a de 1936– quen ensaiarían unha nova dirección na poesía galega de posguerra, o socialrealismo. Do que, en gran medida, este un libro inaugural.

No domicilio pontevedrés de Castelao parece ser que, en 1937, se inventariara un, extraviado, cartafol de poemas seu. Sendo así que o que se considera o seu primeiro poema publicado é unha elexía por Alexandre Bóveda, de finais do 36.

A emigración converterase en protagonista dun libro que garda máis dunha concomitancia co Canto general (1950), de Pablo Neruda. E que ten como eixe temático dominante a exclusión social, “á que se ven confinados homes e mulleres, sexa porque cuestionan ou combaten o poder, sexa porque non hai lugar para eles e elas na estrutura social e económica implantada tanto no país do que se van como naquel ao que chegan, onde sofren unha segunda exclusión e viven alleados”.

Creador que concibía a escrita como complemento da obra gráfica, o poemario é en si un completo produto artístico, que asemade contén abondosas ilustracións tanto de cuberta coma de interior.

En abril de 1949 participara no Congreso Mundial de Partisanos da Paz, que se celebrara en París. De aí trasladaríase a Londres e dende aquí, logo dunha breve recalada en Vigo, de volta á capital arxentina. Neste contexto, a bordo do barco “Highland Princess”, foi onde xurdiu a xénese do que sería o seu primeiro libro poético editado.

Factótum dun inxente repertorio de realizacións en terras americanas, traballou arreo por restablecer a continuidade co tronzado proxecto cultural republicano. Do que devén o constante afán pedagóxico de toda a súa obra. Ao que non é alleo este libro.

Razón pola cal se afanou en que acadase aquí unha divulgación axeitada. Xa que, como declaraba, a máxima do artista e do escritor é establecer un diálogo coa historia e coa tradición do seu pobo, contribuíndo á transformación da realidade.

“O fardel de quen espera por aquilo que xamais chega” é o título do estudo introdutorio. En referencia á frustrada esperanza de exiliados e emigrantes de retornaren a unha arelada e imposíbel –libre e próspera– terra.

Coma a expresión da derrota que, na fin dos días, recollen en quimera os seus versos: “era seu soño, un castelo ergueito sobor rochas co- / bertas de argazos, de percebes, de patelas, de nécoras, / sobor dunha mar fonda”.

Comentarios