Opinión

Fame

Fíxose público hai pouco un informe elaborado pola organización social Save the Children titulado  2.826.549 razóns. A protección da infancia fronte á pobreza: un dereito, unha obriga e un investimento.

Fíxose público hai pouco un informe elaborado pola organización social Save the Children titulado  2.826.549 razóns. A protección da infancia fronte á pobreza: un dereito, unha obriga e un investimento.

A cifra sinalada fai referencia ao número de menores de idade que hai apenas un ano vivían, no conxunto do Estado, en risco de pobreza e exclusión social, o cal representa arredor do 34%, un dos índices maiores de toda a Unión Europea.

"O informe relaciona directamente a crise do modelo económico en vigor, e as políticas de austeridade aplicadas, co incremento da taxa de pobreza". 

O referido traballo pon de manifesto a feroz violencia exercida dende o sistema monetarista imperante, que castiga coa miseria aos máis febles, prívalle os dereitos recoñecidos á infancia, desprotexe a poboación nova máis necesitada, incluídos os deberes que ao respecto o estado ten contraídos con ela. Polo tanto, discrimínase, por completo, este xurdio valor de futuro —a xente de menor idade— da nosa poboación.

O informe relaciona directamente a crise do modelo económico en vigor, e as políticas de austeridade aplicadas, co incremento da taxa de pobreza. Asemade apunta a falla dunha estratexia global por solucionar a problemática da indixencia infantil. O cal é indicio do desinterese que o tema suscita.

Na fin do documento detállanse unha serie de recomendacións para lle tenar pór remedio a este drama.As cales se basean —todo o contrario do que está a acontecer— no reforzamento  das prestacións públicas dos servizos sociais, sanitarios e educativos.

É evidente que, máis alá de esporádicas manifestacións, a cuestión semella non interesar demasiado na axenda da actualidade diaria. Abonde con reparar, ao respecto, no escaso tratamento informativo que esta nova xerou nos medios, pasando case desapercibida en moitos deles, o cal é mostra da falla de consideración que se lle dá.

"A alternativa destes políticos da dereita consistiu, invariabelmente, en escudarse en asépticas cifras —que non feden a malnutrición— e en invocar á beneficencia para os desvalidos por parte de quen non quere procurar solucións".

Na televisión dunha empresa, que pretende ser voz hexemónica na comunicación galega actual, analizouse o tema nunha tertulia nocturna a pasada semana. Dos cinco participantes —alén de quen dirixía o programa— un deles era un traballador significado da propia empresa —un grupo de comunicación que recibe axudas millonarias do goberno—, mentres que outros dous eran representantes do partido  que está no poder.

A alternativa destes políticos da dereita consistiu, invariabelmente, en escudarse en asépticas cifras —que non feden a malnutrición— e en invocar á beneficencia para os desvalidos por parte de quen non quere procurar solucións.

Aos membros do nacionalismo galego non se lles deu voz no programa. Resulta ben curioso por canto que dende esta forza se propoñen, continuamente, alternativas políticas claras e eficaces contra esta desfeita: acabar co fraude fiscal e cos mecanismos que lles permiten aos grandes grupos contribuír na facenda pública con cantidades irrisorias; subirlles notabelmente os impostos ás rendas máis altas; tributar en Galiza as empresas que explotan os nosos bens; exercermos a soberanía, sendo donos e beneficiarios dos nosos recursos e da capacidade de produción.

"Diante desta hipocrisía mediática, que segue amparando un modelo político fracasado, unha parte cada vez máis grande da poboación ten cada vez máis carencias básicas. Entre as principais están as que teñen que ver coa fame de verdade; coa fame, de verdade"

Facer uso da política, en definitiva, en prol dun modelo económico que non se fundamente na especulación, nas leis do gran capital transnacional nin no interese dos mercados, senón no ben común da xente e no dereito que nós temos a poder producir e a aproveitar as nosas materias primas.

Nunha sociedade con cada vez máis desigualdades sociais, políticos ao uso —e os seus medios de repercusión— venden fume a diario, como arestora empezan a levantar cos seus ‘indicios de recuperación’.

Diante desta grande hipocrisía mediática, que segue amparando un modelo político fracasado, unha parte cada vez máis grande da poboación —sen distinción de idade nin de sexo— ten cada vez máis carencias básicas. Entre as principais están as que teñen que ver coa fame de verdade; coa fame, de verdade.

Comentarios