Opinión

A exposición sobre o Pergamiño Vindel

Fun coa familia ver a exposición “Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas” o derradeiro día do pasado ano. O bo tempo deste país traía chuvia intensa nas refoladas vibrantes do ar entre a mobilidade cambiante da paisaxe. O fervor a cachón das ondas batuxaba o agarimo íntimo da pedra no areal. No recollemento, a voz, a entrega das palabras, coma unha furna de cristal, o Museo do Mar de Galiza, na beira ondeante da ría de Vigo.

A singularidade deste manuscrito do século XIII, no corpus da nosa lírica medieval, radica en estaren acompañados cada un dos sete poemas da súa respectiva partitura coa correspondente notación musical.

A ambientación mariña das sete cantigas de amigo do xograr Martín Codax recrea unha sensualidade natural que, ao abeiro de novas pescudas, cuestiona a tradicional adscrición masculina a este tipo de composicións, de orixe popular, nas que unha voz poética feminina invoca o seu namorado.

A ambientación mariña das sete cantigas de amigo do xograr Martín Codax recrea unha sensualidade natural

 

Quantas sabedes amar amado/treides comig’a lo mar levado/e bañarnos emos nas ondas” é o son poderoso dunha poética en feminino necesitada dunha revisión crítica —espida de malinterpretacións relixiosas e consuetudinarios prexuízos de xénero— que poña en valor o papel activo —no creativo e no musical— da muller medieval. E con isto conformar o auténtico perfil de quen “bailava corpo delgado”.

Con respecto á lingua dos textos é oportuno asemade —afastándose dunha visión marcada pola historiografía do sur—, con respecto á nomenclatura empregada, reivindicar o carácter orixinario da lingua que se conformou no territorio da antiga Gallaecia, o galego medieval.

O enfoque da exposición contribúe a que sexa rendíbel a súa visita. Neste sentido é moi acaído o labor que se está a realizar dende moitos centros de ensino de programaren a visita inminente —dado que a súa vixencia só é até os comezos de marzo—.

O enfoque da exposición contribúe a que sexa rendíbel a súa visita

Este elemento leva, obrigatoriamente, a pór o foco noutro ángulo. O relativo ao inmenso capital cultural de noso espallado polo mundo. Dende unha visión positiva argumentarase que é debido a posuírmos unha cultura milenaria que se expresa nunha lingua universal.

Mais dende unha ollada crítica contemporánea hai que ter presente que a única terapia para combater as principais eivas da nosa realidade —coma o abandono ou o despoboamento— é valorarmos a riqueza do noso patrimonio —material e inmaterial—. E, dende esta perspectiva, co lentor do bo tempo, pórmos os recursos a producir.

Comentarios