Opinión

Dous ensaios

Coinciden no tempo a publicación de senllos textos ensaísticos de dúas figuras fundamentais da cultura galega contemporánea: Xosé Manuel Beiras e mais Darío Xohán Cabana.

E dáse asemade a circunstancia de seren os dous títulos exercicios compilatorios, debidos a cadansúas respectivas peripecias editoriais. Velaí, logo, a fundamentación de entrambas as obras, Retratos en fite e A música das palabras. Cuxos traballos, que se remontan ao período abranguido nas últimas catro décadas, seguen unha ordenación cronolóxica.

Recoñecido economista -tanto no eido analítico coma no propositivo-, senlleiro político, esgrevio intelectual, é o de Beiras un monllo de semblanzas -que contan con debuxos de Pepe Carreiro- de nomes cos que chegou a ter relación ao longo da súa traxectoria.

Sendo explícita, ademais, a inspiración confesa en obras coma as de Otero Pedrayo -O libro dos amigos- ou de Luís Seoane -Figuracións mesturadas, Retratos de esguello-.

Entre as innumerábeis referencias a personaxes e títulos que constan nas súas impecábeis páxinas escóllese unha sentida alusión a unha figura por el abondo reivindicada, como é Alexandre Bóveda, para quen os “valores democráticos e republicáns, o igualitarismo, a defensa primordial das xentes explotadas e espoliadas, o benestar social, a identidade nacional, o estatus social do idioma, a dignidade colectiva, a práctica da fraternidade e solidariedade abrollan constantemente no ideario e no combate político”.Polo que respecta ao libro de Darío

Xohán Cabana, este acabou sendo póstumo. Se ben el desexaba sacar á luz co gallo de cumprir os setenta anos, que é a medida da vida completa segundo o seu admirado Dante Alighieri.

Porén, como se reproducen no colofón uns versos do seu libro Cabalgada na brétema, “Venceredes vós./Pero nosoutros/temos da nosa parte/os carballos de abril”. Un substrato comunal que decote remanece: “Venceredes vós,/romperedes a infinda/cadea que nos une/coas trabes do mundo,/pero nosoutros/mergullamos a boca/nos mil ríos de sangue/que estercaron a patria,/e no noso partido/militan todos os defuntos/que nos poñen aínda/a bosta nas zocas”.

Un compendio de ensaios, artigos e discursos nos que decote latexa, como ben sinala no emotivo limiar inicial -“O lapis e o papel, o metro e a navalla”- a súa filla Alexandra Cabana Outeiro, “un amor pola lingua, pola nación, polo traballo ben feito, pola verdade, pola literatura que encheu máis de cincuenta anos da súa vida, polo compromiso político e o valor da amizade”.

Froito do cal fica como legado unha inxente obra literaria da que, amais do amplo repertorio de creación, son tamén mostra estas follas. Nelas é doado recoñecer nomes caros ao seu ser, caso de Manuel María ou de Xosé M.ª Álvarez Blázquez.

En moitas destas páxinas abrollan unha e outra vez pegadas dunha esmerada dedicación constante ao longo da súa existencia, como é a versión de clásicos universais ao galego. Mercé ao cal podemos acceder na nosa lingua a obras de Dumas, Diderot, Dante ou Petrarca.

Así, co gallo de traducir a Vida Nova, a Comedia ou o Cancioneiro -tamén se responsabilizaría da Antoloxía do Doce Estilo Novo- declararía o seguinte: “O meu propósito foi, para usar un verbo cunqueiriano, non propiamente traducir, senón anosar. Ou sexa, re-crear en galego textos poéticos autónomos a partir de poemas noutras linguas. Hai neste traballo unha certa vocación de permanencia e clasicismo, de ilustración da nosa lingua, dicindo a palabra “ilustración” un pouco á maneira de Du Bellay”.

Velaí, entón, dúas obras por varias razóns necesarias. Por amosaren o amplo labor levado a cabo -en eidos diverxentes mais non antagónicos- por senllas figuras imprescindíbeis do noso tempo. E por serviren de guía para conformar a súa faciana poliédrica.

Ademais a escrita dos dous autores debe erixirse en referente senlleiro dun modelo de prosa culta e de estilística literaria moi a ter en conta. Canto máis que o seu amplo espectro abrangue leiras de especial interese, que conforman o mosaico social dunha lingua avanzada, coma economía, política, tradución ou literatura.

comentarios