Opinión

Contra a desmemoria

Meritorio exercicio de liberdade para practicar este verán é a visita ao blogue sobre memoria represaliada e resistente Non des a esquecemento. O seu autor é Luís Bará, quen, hai xa unha década, fora responsábel, dende a súa área no goberno da Xunta de Galiza, de promover un importante traballo de rescate e dignificación das vítimas da barbarie franquista.

Meritorio exercicio de liberdade para practicar este verán é a visita ao blogue sobre memoria represaliada e resistente Non des a esquecemento. O seu autor é Luís Bará, quen, hai xa unha década, fora responsábel, dende a súa área no goberno da Xunta de Galiza, de promover un importante traballo de rescate e dignificación das vítimas da barbarie franquista.

"Meritorio exercicio de liberdade para practicar este verán é a visita ao blogue sobre memoria represaliada e resistente "Non des a esquecemento" de Luís Bará"

Título inspirado nun verso do pondaliano himno da nosa nación, o seu contido é un antídoto contra a desmemoria, unha reivindicación dos innumerábeis heroes e heroínas anónimos e silenciados que, nas circunstancias máis cruentas, non abdicaron da defensa da liberdade, non renunciaron da práctica da civilización.

Como se declara no inicio, no blogue compílase “a memoria oral para construir o relato humano dos sentimentos e dos ideais, do sufrimento e do amor, da represión e da resistencia durante a Ditadura e no tempo de esquecemento que veu despois”.

Hai nel, polo tanto, un abalar da con(s)ciencia do pobo, consonte deixara escrito Pondal no seu mandado: “non des a esquecemento/da inxuria o rudo encono;/esperta do do teu sono/fogar de Breogán”.

Mentres en distintos puntos da nosa xeografía se recoñece e reivindica o papel daqueles que padeceron a opresión fascista, resulta indignante, a estas alturas, que, dende as institucións autonómicas, se vete e prohiba a iniciativa dun colectivo veciñal, a Regaduxa, de Vilaboa, de pór a inscrición “Memoria das vítimas do terror franquista en Vilaboa” no peirao de Santa Cristina de Cobres.

"Resulta indignante, a estas alturas, que, dende as institucións autonómicas, se vete e prohiba a iniciativa dun colectivo veciñal, a Regaduxade pór a inscrición “Memoria das vítimas do terror franquista en Vilaboa”"

Son moi de agradecer, logo, ferramentas coma esta, a bitácora Non des a esquecemento, que cumpre varias funcións. Sacar do anonimato do esquezo voces comprometidas e silenciadas do noso pobo. Certificar que en Galiza, onde o franquismo exerceu dende o primeiro momento unha cruenta represión, houbo unha salientábel resistencia, tanto individual coma organizada que, como traballos recentes demostran, non se ten posto en valor.

Unha destas moitas heroínas, ocultadas e represaliadas, é Manuela Sánchez, do concello de Cesures, masacrada ela e a súa familia polas forzas sublevadas. Os que seguen son versos do poema que leva o seu nome —e que valen para todas e todos os esquecidos—, incluído no libro Lonxe (1954), do poeta exiliado Lorenzo Varela: “Hoxe non quero saber como te chamas/nin perguntar qué foi da túa mocidade./Hoxe non quero máis que te lembrar de novo/no cume máis antergo das mámoas protectoras,/ergueita,xurdia, forte, lanzal coma ninguén.//E fose como fose, ti chamaraste ponla,/a máis verde do verde carballo que se vira./Aguia mortal na guerra, na paz señora pomba,/mai e guía de nós, da nosa vida enteira”.
 

Comentarios