Opinión

Defensa comunal da Sacada

No último Congreso Galego de Comunidades de Montes —celebrado o pasado ano, ao abeiro da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común— acordouse instituír o “Día da loita da veciñanza comuneira na defensa do monte veciñal”. O día elixido, da primeira edición, o 22 de xaneiro.

No último Congreso Galego de Comunidades de Montes —celebrado o pasado ano, ao abeiro da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común— acordouse instituír o “Día da loita da veciñanza comuneira na defensa do monte veciñal”. O día elixido, da primeira edición, o 22 de xaneiro.

"Logo de anos de loita, a veciñanza recuperou a titularidade do seu monte comunal, facéndolle fronte a un goberno municipal autoritario e caciquil".

Como de xeito moi atinado vén escribindo sobre esta temática no Sermos Galiza Xosé Alfredo Pereira, a historia dos montes veciñais galegos está chea de xentes de ben que senten a fachenda e o compromiso de seren comuneiros. O orgullo de disporen da terra que, secularmente, procede dos antepasados, en modo de propiedade comunitaria autoxestionada. A vontade de a atenderen, coidaren e conservaren para llela transmitiren ás xeracións do porvir.

Mostra exemplar disto é o acto público que o sábado 24 de xaneiro, á media mañá, organiza a Comunidade de Montes da Sacada (Paizás - Ramirás) para toda a xente que alí quixer acudir. Porque, logo de anos de loita, a veciñanza recuperou a titularidade do seu monte comunal, facéndolle fronte a un goberno municipal autoritario e caciquil.

O termo ‘sacada’ corresponde a unha parte separada do monte comunal e dividida entre os veciños en partes distintas segundo o dereito que cada un tiver. Malia o filológo Aníbal Otero adscribilo a concellos do noreste de Galiza —A Pontenova, Riotorto, Ribeira de Piquín—, resulta curioso comprobar como, de xeito illado, se dá tamén en Ramirás, no sur da nación.

"O termo ‘sacada’ corresponde a unha parte separada do monte comunal e dividida entre os veciños en partes distintas segundo o dereito que cada un tiver".

Cadrando coa efeméride do “Día da loita da veciñanza comuneira”, este acto organízase en memoria de Manuel González “O Mazico”. A importancia deste ancián, falecido o ano pasado nunha residencia da terceira idade de Campolongo, resultou crucial na vitoria dos veciños fronte un poder político que lle usurpara a titularidade do monte comunal.

E isto debeuse ao seu firme testemuño, xa que achegara unha declaración xurada a propósito de como se organizaban, nos anos vinte do pasado século, cando el era neno, as parcelas do litixio da Sacada, de Fraguas, Vilaboa, Vilaflor, A Silva e As Portas Abertas. Este feito foi o que, a fin de contas, acabou de pór en evidencia, perante o Xurado de Montes de Ourense, o seu carácter veciñal en man común.

Ao son das gaitas da Escola de Baile e Música Tradicional Rebulir, cativos da contorna levarán a cabo unha plantación de arboredo autóctono. Deseguido inaugurarase un fermoso mirador, no lugar do Saído, cara ao val de Ramirás.

"En contra das tentativas monopolistas e privatizadoras levadas a cabo dende o poder, a voz de comuneiras e comuneiros ten que seguir proclamando, con máis forza ca nunca, a loita continúa!"

A estreleira deixará ao descoberto a obra en madeira dun artista local, na cal se representan os tres picos máis altos —As Barrugas, A Vereda e O Pico Negro— dun cordal ateigado de enxebreza e de saberes populares, coñecido como Serra das Mil Fontes, entre outras denominacións.

Non fica máis ca darlle os parabéns á veciñanza, quen, coa súa acción insobornábel, contra tirios e troianos —isto é, contra representantes de pesoé e pepé—, lles restituíu unha propiedade comunal aos seus lexítimos usuarios.

En contra das tentativas monopolistas e privatizadoras levadas a cabo dende o poder, a voz de comuneiras e comuneiros ten que seguir proclamando, con máis forza ca nunca, a loita continúa!

Comentarios