Opinión

Da verdade das cousas

Texto lido polo autor no acto -Fornelo de Montes, 5 de novembro- en que recebeu o I premio de xornalismo Manuel Lueiro Rey.

Señor alcalde de Fornelos de Montes, señora presidenta da Deputación de Pontevedra, señor deputado de Cultura e Lingua, autoridades políticas presentes, membros do xurado, señoras e señores.

Constitúe para min unha honra recibir o galardón do I premio de xornalismo Manuel Lueiro Rey da man das entidades organizadoras (Concello de Fornelos de Montes e Deputación de Pontevedra). Isto é así por mor dos principios que fundamentan esta convocatoria.

O primeiro é o relativo aos obxectivos cos que foi concibida: dunha banda, honrar a memoria do escritor que lle dá nome, orixinario deste concello —e aquí quero facer extensíbel o meu recoñecemento á súa familia polo eficaz labor de divulgación da súa figura—; doutra banda, contribuír á, tan necesaria, promoción xornalística en galego.

LR xornalismo 028O segundo dos principios antes aludidos é o relativo ao enfoque que se lle deu ao certame, ao deberen gravitar os artigos a el presentados no ámbito da denuncia social. Neste sentido o pensador José Luis Sampedro pon en evidencia que para que haxa liberdade de expresión cómpre que haxa liberdade de pensamento. O cal acotío está negativamente influído polos medios —que el denomina de persuasión, e non de difusión—.

Por iso resulta impagábel —e enfatizo esta palabra— que se faga promoción de voces e discursos que non sexan mera caixa de resonancia dos intereses do poder. Chegados a este punto quero reivindicar o papel fundamental que se debe promover dende a cultura para construírmos unha sociedade consciente, próspera e moderna. Exemplo disto foi o traballo exercido no xornalismo polos escritores galegos que vou singularizar.

En primeiro lugar, foi na época do Rexurdimento, o celanovés Manuel Curros Enríquez quen sostivo unha insobornábel posición de compromiso ético cos desfavorecidos e de loita contra o caciquismo dominante. O acentuado espírito crítico e a firme coherencia ideolóxica que decote mantivo mesmo o levou a achegar solucións aos conflitos denunciados. A segunda mención é para Roberto Blanco Torres —orixinario de Cuntis, matado en Entrimo no 36—. No prólogo do seu libro de artigos, Disto e do outro, publicado en 1930, alude ás xornadas de alerta e agonía do bo periodismo militante, que, como el acusa, non debe estar nunca sometido ás vicisitudes da dependencia nin da subordinación nin, moito menos, á falla de liberdade.

Quero reivindicar o papel fundamental que se debe promover dende a cultura para construírmos unha sociedade consciente, próspera e moderna

 

Como non pode ser doutro xeito, a terceira cita aquí referida é a de quen lle dá nome a este premio, Manuel Lueiro Rey. Quen, ao longo de toda a súa vida, foi un constante animador da prensa galega. Nela principiou a colaborar na súa mocidade, no diario pontevedrés El País, que, nos anos trinta, dirixía o autor acabado de citar, ao pouco asasinado a mans do fascismo.

Na publicación nacionalista A Nosa Terra viron luz unha serie de interesantes colaboracións súas, correspondentes ao período político iniciado a partir de 1975, etapa que el gustaba definir —en vez de ‘transición’ ou ‘democracia’— como ‘posfranquismo’. Incluídas no volume Novas crónicas dunha transición intransixente (1977-1988) —de cuxa edición é responsábel Ramón Nicolás—, pódense extraer destes textos unhas moi aproveitábeis reflexións sobre a concepción que el tiña do acto creativo.

Manuel Lueiro Rey, ao longo de toda a súa vida, foi un constante animador da prensa galega

Así, en relación á obra de Luís Seoane, afirmaba que “sabía que a felicidade do home —como Cortázar deixou dito— non pode atoparse no individual, senón tendo en conta o destino do home como integrante dun pobo”. Expresión análoga lle merece, noutro artigo, o legado do autor do Sempre en Galiza: “Si de algo carece a obra de Castelao (dibuxo, pintura, literatura, conversa) é precisamente de esencias metafísicas. Todo o que Castelao fai xurde da realidade que vive como un feito dinámico histórico camiñando cos demais homes do pobo”.

A memoria oral do pobo foi á que, en concreto, lle quixen pór voz n’ “O segredo mellor gardado”, o artigo que o xurado estimou ser merecente do I premio de xornalismo Manuel Lueiro Rey. Memoria viva e presente para falar de realidades soterradas e invisíbeis, mais con feridas en carne viva que —coma unha desgarradora mutilación— seguen a mancar despois de tantas décadas.

Neste tempo mediático de tanta sobresaturación de imaxes e comunicados resulta imprescindíbel saber distinguir con claridade o real do virtual. Porque se se pon o insistente foco —informativo— noutras xeografías, como Venezuela, Cataluña ou Portugal —como, nos últimos tempos, se leva facendo, a propósito de incendiarias cuestións políticas ou de accións políticas incendiarias—, a súa luz cegadora e constante impídenos ollar con detalle a realidade máis próxima.

E así, a xeito de exemplo ilustrativo, non se falará do fedor da corrupción política exercida dende o poder, da inmensa precariedade social e laboral existente ou —por citar outra mostra recorrente da produción de Lueiro— de que vivimos nun sistema no que un amplo sector da clase política non foi aínda quen de condenar o réxime franquista. El será por acaso se sentiren herdeiros del?

Remato cunha evocación familiar. O meu avó, José Alberte, era tratante e, ata os anos setenta do século pasado, ía e viña, a pé, unha vez ao mes, á feira de Fornelos. Dende a casa familiar, en Escudeiros (Ramirás). Arestora volvín percorrer, en doada condución en automóbil, os setenta e tantos quilómetros de distancia que acotío el facía. Mais non andei, coma nos seus tempos de miseria no franquismo, a pé e monte a través.

O meu avó, José Alberte, era tratante e, ata os anos setenta do século pasado, ía e viña, a pé, unha vez ao mes, á feira de Fornelos

 

A ollada crítica e libre con que cómpre enxergar a existencia —demandada polo humanista, de práctica incesante na escrita comprometida— lévanos, outra volta, a ollar de preto a realidade sen espellos deformantes. E así, hoxe, que se dispón de recursos tecnolóxicos abondos, bótanse en falla proxectos transformadores; no canto da política da terra queimada que, ano tras ano, mirra e engurra a pel máis estéril do noso país. Porque hai ben tempo que xa non hai gando nin sementes en boa parte deste territorio que constitúe a nosa nación. Proxectos, en definitiva, que creen vida no interior de Galiza, e poñan os innumerábeis recursos que posuímos a producir.

Entrementres, como decote exerceu Manuel Lueiro Rey, reivindicamos, para o común das persoas, un papel consciente e activo na historia, que renegue da condición de súbditos e nos permita ser cidadáns.

Nota: a imaxe que acompaña o texto recolle un dos momentos do acto de entrega do premio

Comentarios