Opinión

Cunqueiro

A intención da nova corporación municipal madrileña de retirar nomenclaturas franquistas do seu rueiro leva suposto o pronunciamento de destacadas plumas da prensa galega a propósito do caso de Álvaro Cunqueiro. Escritor que, como é sabido, participou da era azul na súa mocidade.

A intención da nova corporación municipal madrileña de retirar nomenclaturas franquistas do seu rueiro leva suposto o pronunciamento de destacadas plumas da prensa galega a propósito do caso de Álvaro Cunqueiro. Escritor que, como é sabido, participou da era azul na súa mocidade.

Chama a atención, a teor dos comentarios lidos nalgún destes medios, que as opinións se fixen nas árbores que impiden ver o bosque. E para iso, entre outras consideracións, fanse apelacións a unha suposta revancha co espírito da transición.

Etapa que máis ben habería que renomear como espírito da transacción –de nomes e cargos (pre)constitucionais–  ou como espírito da transixencia –con todo o desfeito por aqueles que durante décadas se fartaron de exercer a intransixencia–.

"O rebumbio mediático e a polémica que suscita este paradigmático nome constitúense en oportunidade idónea para unha xusta reclamación que non debería ser discutíbel. A condena, xaora, do réxime franquista por parte da dereita española".

Mais o substantivo é que –malia se aprobar en 2007 unha Lei da Memoria Histórica– en numerosos lugares, do ámbito público ou privado, segue a haber múltiples referencias ao franquismo.

Polo que atingue á produción intelectual e á traxectoria vital dun escritor, estas adoitan xunguirse, entretecerse e constituíren un todo complementario que se retroalimenta. Mostra disto éo a figura que nos ocupa.

No caso presente resulta esclarecedora a lectura dun libro fundamental para interpretar a súa bibliografía. Trátase do traballo de Ana María Spitzmesser, publicado en 1995 no selo da fundamental Ediciós do Castro, co título Álvaro Cunqueiro: La fabulación del franquismo.

A autora deste ensaio procura o trasfondo ideolóxico da narrativa cunqueirana, e foxe da opinión recorrente de se circunscribir esta ao escapismo e á evasión da realidade. Ante o cal se estaría diante dun escritor no que, baixo un relato literario aparentemente fantástico, subxacería un contido político expreso, alusivo ao período que lle tocou vivir.

O rebumbio mediático e a polémica que suscita este paradigmático nome constitúense en oportunidade idónea para unha xusta reclamación que non debería ser discutíbel. A condena, xaora, do réxime franquista por parte da dereita española.

A escrita do autor mindoniense ultrapasa cancelas, rúas e carreiros. Estes son versos do poema que lle dá título a Herba aquí e acolá, espléndida relectura deste verán, que anuncian a ubicuidade enxebre do seu legado: “Sin decatarse da resurrección da carne de Álvaro Cunqueiro,/un novo corpo limpo que soñaba co vento,/—beira dun río, quizaves,/ou nun alto—”.

Comentarios