Opinión

Contos de obxectos

Obra póstuma de Xabier P. Docampo, está integrada por un conxunto de relatos, que contan con cadansúa ilustración, da responsabilidade do seu fillo Daniel.

En cada un dos textos, abeirados a unha vizosa xinea de oralidade que el tanto cultivou, exhíbese a suma habelencia do autor na narración breve. Tal é así que, nun acaído limiar, Fina Casalderrey apunta: “Nestas oito marabillas emerxe o latexo do explorador de illas que nos abraza cando conta, herdeiro dunha tradición oral poderosa, comprometido ata a medula coa lingua, co país, co ensino, coa infancia –que sabe intelixente–, coa ética e a estética”. En efecto, se Cortázar definía a enerxía, intensidade e tensión internas como elementos substanciais do conto literario, ollando agora para a nosa tradición cómpre ter presente o xa, con anterioridade, referido ao respecto por Rafael Dieste no adro d’ Os arquivos do trasno.

A saber, o relativo á unidade emotiva e mais á presenza do remate, palpábel en toda a narración. Isto é un “remuíño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz”. Trazos estes que no libro do autor nado en Rábade acadan nidia exemplificación. Polo que respecta á lingua empregada débese observar a delicadeza desta. Non faltando intres nos que a emotividade poética reforza aínda o coidado do rexistro idiomático empregado. Ao tempo que apontoa, coa estratexia da suxestión, o celme do narrado. Como podería ser o caso de cando agroma por primeira vez a beleza da pulsión do desexo, a cal, dende a ledicia da natureza, se transfigura en insinuación.

Dende unha perspectiva temática son diversos os motivos abordados, os máis deles non infrecuentes na abordaxe literaria da produción dun autor de delongado vínculo coa nosa tradición. Poderían, así, nomearse, entre outros, os mecanismos de funcionamento da existencia do azar ou a iniciación ao ingreso na adolescencia, sen excluír aquí o desbloqueo das costuras do temor do pecado.

Mais tamén o devezo de ler, que, na boa literatura, abre a porta da marabilla a outros mundos. O antídoto contra a senrazón das xenreiras de proximidade. Ou, como non, a irrupción do sobrenatural.

E todo adobiado dende un nobelo de historias contadas nas que tampouco faltan enigmas, ritos, supersticións, maldicións de amor, segredos de vida ou sinais procedentes do alén.

A perceptíbel afinidade con algunha das grandes mostras da literatura de noso é doada de explicar. Por canto este escollido feixe de contos comparte un profundo substrato emparentado coa nosa cultura popular. Isto obsérvase, amais de no enfoque temático e das apelacións ás narracións tradicionais, no emprego de estratexias compatíbeis coa oralidade. De xeito que se podería concluír que estes obxectos referenciais de cada relato son vehículos que transportan á elocuencia das historias orais.

Comentarios