domingo 28/11/21

Centenario de ‘Nós’

O 30 de outono de 1920 vía luz o primeiro número da revista Nós, subtitulado Boletín Mensual da Cultura Galega. Dende esta data ata finais de 1935 chegaríanse a editar un total de 144 números. A dirección literaria correspondeulle a Vicente Risco e a artística a Daniel Castelao mentres que a administración a Ánxel Casal.

As quince primeiras entregas saíron en Ourense –onde sempre mantivo a redacción–, na imprenta La Región. Logo as tres seguintes na de J. Poza Cobas, de Pontevedra. Continuaría aparecendo na Coruña, na sociedade Lar e, logo, xa en Compostela, na editorial Nós.

O pronome que designa esta cabeceira convértese en emblea dun período, a definida como Época Nós. Intervalo que discorre entre 1916 –dende o agromar das Irmandades da Fala– e 1936 –deica o golpe de Estado fascista e o conseguinte xenocidio que a resultas se perpetrou–.

O nome Nós substantiviza unha dimensión soberana, enxergada dende e para Galiza, implementada polo nacionalismo no ámbito político –cuxa expresión máxima foi o Partido Galeguista–, que acada, nesta obra, no eido cultural a súa meirande expresión.

Isto é así por canto que dende as súas páxinas se abordan as diferentes materias que conforman a identidade do ser galego –literatura, arte, arqueoloxía, etnografía, economía, historia, xeografía... –. Mais tamén polo diálogo en pé de igualdade que se establece con outras significadas culturas europeas, como Irlanda ou Portugal.

Ao que cabe complementar que o enfoque levado a cabo se realiza dende unha concepción moderna e unha estratexia dinámica. O que quere dicir que o cometido do amplo ronsel de colaboradores, nas distintas áreas tratadas, tivo como premisa o rescate, a posta en valor, divulgación e actualización das chaves nucleares que definen Galiza como pobo.

Tradición e modernidade artéllanse, polo tanto, nun mesmo proxecto. Que terá, en intersección, como eixes vertebrantes, a aplicación destoutros dous conceptos fundamentais: galeguización e universalización.

Nesta angueira compartida resulta tamén estratéxica a implicación dun nutrido e selecto ronsel de colaboradores que, en gran medida, dá conta do diverso espectro ideolóxico do galeguismo do entón. Porque o, en verdade, definitorio neles é que poñan por riba de todo “o desexo coleitivo de superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos”, tal como se declara xa no “Primeiras verbas” inicial.

Mais non se debe esquecer a perspectiva que, no Cincuentenario de Nós, deitaba, en 1970, Luís Seoane. A propósito das angurias económicas padecidas polos seus promotores para editar cada número.

Semellan unhas verbas acaídas, para esencializar o legado e a vixencia de Nós, as expresadas por Antón Vilar Ponte nun número da revista: “os pobos que teñen unha lingua de seu son pobos orixinaes, até o estremo de que si a esquencen ou desprezan acaban sempre por sentírense inferiores”.

Centenario de ‘Nós’
comentarios