Opinión

Camiños, viaxeiros e camiñantes

De camiños, viaxeiros e camiñantes é o título dun suxestivo traballo, da autoría de Santiago Lamas e Alfonso Mato, que recibiu o premio Ramón Piñeiro de Ensaio en 2015.

O motor desencadeante da obra é a esculca sobre a andaina a pé levada a cabo dende Ourense até o Santo André de Teixido por parte de Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Xosé Ramón Fernández-Oxea ‘Ben-Cho-Shey’, en xullo de 1927.

A obra manexa unha abundante bibibliografía sobre a materia desenvolta, ou sobre socalcos da traxectoria dalgún dos protagonistas, que obriga a facer gorentosa recalada en diversas cuestións que se van debullando a rodapé. 

Como é sabido, a crónica da viaxe feita hai agora noventa anos relátase no libro Pelerinaxes, escrito e prologado polos dous moradores do número 25 da ourensá rúa da Paz, Otero e Risco, respectivamente, volume publicado pola editoral Nós en 1929.

O firme que naquel verán guiou a súa senda foi o mapa de Domingo Fontán, que o escritor de Trasalba ollaba decote no despacho da súa casa. E que “era para Otero o mellor símbolo de Galicia, e Fontán, o home que chegou a coñecer a Terra, río a río, de camiño en camiño, mellor ca ninguén”, como deixou escrito, no Quinto Adral, Filgueira Valverde.

O firme que naquel verán guiou a súa senda foi o mapa de Domingo Fontán, que o escritor de Trasalba ollaba decote no despacho da súa casa

Na obra que se comenta cítase unha pasaxe moi acaída á materia tratada: “O explorador procura o aínda non descuberto; o viaxeiro, o que foi descuberto pola mente que traballa na historia; e o turista, o que foi descuberto polos empresarios e aquelado para que a xente acuda a eses lugares coa axuda da publicidade de masas”.

No caso dos homes de Nós, son eles quen realizan o seu propio camiño; logo dunha intensa xeira por culturas alleas, mergúllanse de cheo nun ilimitábel país propio por descubrir. Experiencia da que, posteriormente, darán conta, en diferentes rexistros creativos, tanto na novela Arredor de si (1930) coma no ensaio Nós, os inadaptados (1933).

De camiños, viaxeiros e camiñantes recolle asemade un interesante tratado, aplicábel á cultura occidental, sobre a estreita relación entre camiñar e pensar, entre viaxar e escribir. Algunhas mostras paradigmáticas que se citan, son os casos de Rousseau, Wordsworth, G. Borrow e W. G. Sebald.

A referencia máis antiga que se documenta dun escritor galego que viaxase a Teixido é a do percorrido feito, en 1754, dende Xubia, por frei Martiño Sarmiento. Como ben indican os autores na obra que se está a comentar, “os camiños, se non se andan, morren, e se non se fala deles ou non se fala con eles, tamén morren”.

Este traballo ensaístico ten a virtude de trazar andaina e recrear ambiente. Alarga os vieiros, dunha época crucial, da nosa cultura, ao tempo que se refrescan perfís e pegadas dalgúns dos principais responsábeis da construción da identidade galega contemporánea.

Comentarios