Opinión

Biblioteca Nós

Co gallo da conmemoración, en 2020, do centenario da aparición do primeiro número da revista Nós saíron do prelo unha serie de títulos –vinculados con quen protagonizaran aquela empresa–  dentro da colección Biblioteca Nós.

Trátase dunha valiosa iniciativa, tanto por achegarlle ao público común unha serie de traballos de difícil acceso coma por presentalos en coidada edición e adaptados á variante estándar.

Neste repertorio figuran obras de Carlos Casares –Vicente Risco–, Ramón Otero Pedrayo –Polos vieiros da saudade, Entre a vendima e a castañeira, O señorito da Reboraina–, Antón Losada Diéguez –O esquecido mentor de Nós. Escolma de textos, 1900-1929–, Antón Vilar Ponte –Co pensamento na patria. Escolma de artigos–, Vicente Risco –Teoría do nacionalismo galego, Leria–, Daniel Castelao –Diario 1921– e Ramón Cabanillas –Antífona da cantiga–.

Libro este último que, por certo, sería o primeiro en integrar –en 1951, hai, polo tanto, agora medio século– o catálogo da Editorial Galaxia, selo responsábel de que vise luz esta colección.

Dentro desta mesma vontade recuperadora e divulgativa cómpre referir asemade outro volume saído tamén o ano pasado do mesmo prelo. Trátase da Antoloxía escolar da Época Nós, de cuxa edición se responsabilizou a profesora Patricia Arias Chachero.

Dáse a circunstancia que este último traballo posúe, a maiores do exposto, outra fasquía gabanciosa de seu. Que é a da focaxe pedagóxica co fin de lle achegar traballos imprescindíbeis daqueles homes ao estudantado galego.

Para o cal se escolleron uns textos acaídos –máis ou menos coñecidos– dalgunhas daquelas máis relevantes figuras. Nunha incompleta relación pódense enumerar os de Losada Diéguez – "Encol da prosa galega" –,  Florentino Cuevillas –"Dos nosos tempos"–, Vicente Risco –Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros, "Nós, os inadaptados"–, Otero Pedrayo –O purgatorio de don Ramiro, "A significación espiritual do Día de Galiza"– e Castelao –Un ollo de vidro, "O galeguismo no arte"–.

Un repertorio de contribucións, escolmadas e adaptadas á norma actual, que, no seu conxunto, non lle debería ser descoñecida á rapazada de 4º da ESO nin á de Bacharelato.

Para tal efecto a responsábel da confección desta antoloxía preparou unha completa e variada relación de actividades para traballar na aula. De tal maneira que se lle ofrece ao profesorado a capacidade de presentar estas obras do noso acervo común e se lle dá ferramentas para pór en práctica unha aprendizaxe significativa. De forma lúdica, multidisciplinar e construtiva.

Non resta máis, en primeiro termo, que gabar esta empresa. E deseguido, mais non de modo secundario, formular unha arela. A de que o común da sociedade, partindo polos sectores máis comprometidos, se mergulle neste vizoso mundo no que se asentan boa parte dos nosos alicerces.

Comentarios