Opinión

Aura 1964

Este título supón o punto de partida dunha colección editorial baseada na edición de guións cinematográficos. Obra da autoría do director Ignacio Vilar, subtitúlase O Sagrado contra a Democracia: España no espello.

Entre os seus valores sobranceiros está amosar o acceso á adolescencia dun protagonista arquetípico de orixe rural. Quen, enclaustrado no dogma pecaminoso da escola franquista, sortea a miseria e intolerancia daquela época. Nunha escura e recoñecíbel capital de provincias.

Se ben, como afirma Manolo González –quen fora responsábel daquel magnífico proxecto chamado Cinemas Dixitais– no limiar, a propósito desta obra: “Procura levarnos polo microcosmos dun mundo escuro e intolerante, dando fe de feitos vividos que documentan unha época aparentemente desaparecida; aínda que hoxe circulan políticos, ideas e situacións ameazantes que advirten do regreso posible daquela vella intolerancia”. Valor engadido de actualidade entón.

O esquematismo e a esencialidade da narración, canda a viveza dialoxística propia do xénero, outórganlle un acabado dinámico ao relato. Ao tempo que propician unha lectura doada do conxunto e un efectismo plástico do repertorio de escenas que o integran.

Entre tanto escurantismo ambiental imposto, agroman, neste relato de formación, fírgoas do valor auténtico e liberador da cultura. Da que forman parte numerosas lecturas prohibidas. Xa sexan de Spinoza ou Proust, Otero Pedrayo, Manuel Antonio, Blanco Amor ou Castelao.

Sen obviar outros ámbitos, como a música dos Tamara ou Pucho Boedo, a prensa clandestina ou o recoñecemento do labor dalgunhas figuras da guerrilla antifranquista, coma Mario de Langullo ou O Piloto.

Mención especial acádaa o mundo do cine. Cuxa relevancia transloce unha luminosa dimensión colectiva. Ao ser quen, no medio da máis indixente escuridade imposta, de proxectar o valor da creación universal auténtica. Sen anatemas, excomuñóns, censuras ou universos prohibidos.

Da que forman parte un amplo repertorio de títulos que se referencian, de directores coma Truffaut, Bergman, Buñuel, Kubrick, Kazan, Eisenstein ou Fellini.

Nese proceso de construción da personalidade e de maduración cara á vida adulta a iniciación sexual acada unha funcionalidade determinante. Así, nun tempo dunha moral misóxena, adúltera e pecaminosa, o protagonista é quen de experimentar, por veces nunha atmosfera de denso erotismo, distintos xeitos de relación afectiva co ser desexado.

Contra o fanatismo ocasionado pola rancia relixiosidade, contra a intolerancia do nacionalcatolicismo, contra o asoballamento de terra e pobo eríxese o poder do símbolo. Representado por un exemplar de Sempre en Galiza, que consegue salvarse da queima de libros.

Eis a operatividade dunha breve sentenza dirixida, ao comezo da historia, a aquel rapaz da aldea no inicio da súa dura aprendizaxe vital: “Necesitamos persoas estudadas que nos defendan”.

Comentarios