Opinión

Arrebolarlle á lingua

Logo de ben tempo xa sen dar a coñecer a súa voz volve Henrique Feixó, poeta orixinario do Mundil, no concello de Cartelle, publicar un novo libro.

No título xa se fai explícita unha das motivacións principais do poemario. A de avivar, atizar ou vivificar o substrato do idioma. Ao tempo que se pon en valor, se reivindica e cultiva a máis enxebre semente dunha cultura ancestral poderosa.

Esta non é outra máis ca o xenio e a musicalidade do código propio, no que se expresa quen non sofre autoodio ou padece alienación. Idioma que tanto é autóctono e individual –"cadaquén deveria ter voz de seu" – coma colectivo e decote actualizado –"non versa o verso da conversa compartida?"–.
De enxergar o texto en toda a súa amplitude é doado decatarse dalgúns elementos de estilo que, alén dos trazos de contido, vertebran e lle dan un acabado homoxénero ao conxunto.

Desta sorte, pódese sinalar que son de presenza recorrente tanto xogos fónicos, aliteracións e elementos onomatopeicos, xunto coa enxebreza dos vocábulos e efectos rítmicos producidos pola acumulación verbal ou a expresividade popular.

Nun exercicio de complicidade literaria a voz poética profunda no interior do magma lingüístico de noso e realiza un exercicio creativo de rescate: "Gosto das palabras que che gostan a ti/nunha enxurrada enbálanme a mente/sorridente ponma logo a funcionar/pasándome rente eu acovílloas/elas vên ao meu encontro preguizosas/eu ben fagho devólvoas à vida". E, de paso, na casa do nome que é o poema, azúganse as verbas, "sen rendirse xamais ao adversario".

Contra o desánimo dun tempo rural esborrallado, "pra reconstruir o derrubado lar labrego", no medio do silencio –"o silêncio sementeino de palabras enchino"–, a conciencia ecolóxica do autor da Loa ao porco bravo, nesta nova obra, instálase na grandeza do máis miúdo topónimo: "Só cando a vida se identifica coa vide/saboreamos o grolo do elixir primordial/contido no grial achado no carregal/sutrancado demais enceifado/escornabois bulindo cara gateira esgurrichada/zarronco vindo do mais fondo recôndito/daquela tiñamos o remoer garimoso das xuvencas/a lentura nutrenta da terra e secasi poucos/brios pra desatar os lazos da tea tramada".

Bo coñecedor das sazóns do ritmo da natureza, "lonxe do barullo/deste mundo imundo", a práctica da singularidade, do inconformismo, do instinto, da insubmisión é un xeito de procurar, ao longo de todo o poemario, unha arelada liberdade.

O falso progreso, consistente en ignorar a propia historia, "ese é o mellor sistema/pra allearnos aqueloutrarnos/perdermos a identidade/esvaziarnos de vez". 

De aí que resulte transcendente valorarmos a exemplaridade do bo legado recibido: "Meu pai nunca creu en nada/anque tiña un deus/ao cal adorava e non lle rezava/chamado manuel curros enriquez/porque abondávalle con memorizar/seu versar".

Comentarios