Opinión

Aos bos e xenerosos

Estas palabras escritas en lingua de ouro conforman o título dunha obra acabada de editar, en cuxo peche pode lerse: “Este libro sae do prelo o 28 de xuño de 2014, trinta anos despois do traslado do corpo de Castelao ao panteón de Bonaval”.

Estas palabras escritas en lingua de ouro conforman o título dunha obra acabada de editar, en cuxo peche pode lerse: “Este libro sae do prelo o 28 de xuño de 2014, trinta anos despois do traslado do corpo de Castelao ao panteón de Bonaval”.

Trátase da produción dun autor cuxa pluma está decote comprometida coas clases traballadoras e co desenvolvemento dos nosos sectores produtivos, o último título dun dos representantes máis idosos da militancia nacionalista galega.

"Trátase da produción dun autor cuxa pluma está decote comprometida coas clases traballadoras e co desenvolvemento dos nosos sectores produtivos, o último título dun dos representantes máis idosos da militancia nacionalista galega".

El é o labrego e emigrante —por moitos coñecido e recoñecido— Lois Antón, escritor de xorne popular da bisbarra de Terra de Celanova. O volume está editado pola Asociación Cultural e Xuvenil de Ramirás. As coidadas fotografías que acompañan os textos son obra de Baldo Ramos.

A dedicatoria do poemario resulta xa elocuente: “Na honra dos nosos mártires/que morreron a loitar/e daqueles que os fascistas/foron buscar ao fogar/e os mataron no monte,/nunha estrada ou nun camiño/ou levaron a afogar/ao mar ou ao río Miño./Dos que amaron tanto a patria/e viviron desterrados,/dos que levaron aos cárceres/e foron martirizados,/do pobo que pasou fame/e sufriu a represión,/e dos que seguen loitando/contra a nosa explotación”.

A partir de aquí a palabra poética abala entre diversos núcleos temáticos que teñen por denominador común o arraizamento na nosa identidade nacional. A crúa realidade cotiá vivida por galegas e galegos é ollada dende a perspectiva da experiencia de alguén que naceu en 1931.

Angueiras e angurias do pasado proxéctanse cara a un futuro que devala entre a incerteza e a esperanza. Mais sen o verso deixar nunca de ser proclama crítica deste tempo, segundo se fai explícito no poema “Comparte con el o presente”: “A quen necesita pan/non o conforman as flores./Non lle lembres o mañá/nin lle fales de valores”.

"O 25 de xullo o nacionalismo galego xunta milleiros de persoas nos recantos de Compostela. Unha delas é o Lois Antón. Nesta xeira de festa e reivindicación sobrancea a fachenda de sermos pobo".

Entremedias, e de aí o sentido esencial do título, os ramallos recendentes de recoñecemento e de gratitude a algunhas figuras senlleiras, da cultura, do nacionalismo, da boa veciñanza ou da amizade. Entre elas Rosalía, Curros, Carballo Calero, Celso Pérez (alcalde de Gomesende asasinado en 1936), Pilar García Negro… É este un efectivo canto de afectos, que acada un dos intres máis emotivos cando invoca nomes esgrevios da súa propia parroquia, no poema “Orgullo e sentimento”: “Aqueles homes honrados,/tan humanos e progresistas,/reprimidos e acusados/de herexes e comunistas…”.

Lembrándonos do autor de Galiza mártir, consonte o exposto, Francisco Rodríguez, no limiar da obra, anota o seguinte: “se o mestre Castelao me permite un atrevemento, que estou seguro que si, coido que Aos bos e xenerosos proba que temos historia, tamén contemporánea, historia honrosa, en expresión de Lois Antón, por máis que sexa agachada, negada ou desprezada. Porén, é a historia verdadeira de Galiza, que tamén contou con séculos de historia gloriosa, anulada ou apropiada indebidamente, contra toda evidencia”.

O 25 de xullo o nacionalismo galego xunta milleiros de persoas nos recantos de Compostela. Unha delas é o Lois Antón. Nesta xeira de festa e reivindicación sobrancea a fachenda de sermos pobo.

Por toda e para toda a ampla militancia nacionalista é o fondo sentir das palabras desta obra, nas que latexa o canto coral que ecoa nas paredes de pedra: Que queiran, que non, Galiza é unha nación.

Comentarios