Opinión

Ao pé de obra (129): Pandemia

A comezos do andazo do coronavirus que estamos a padecer o pensador esloveno Slavoj Zizek publicou o ensaio Pandemia! A COVID-19 sacode o mundo. Este ve luz na nosa lingua grazas á tradución que del realizou Carlos Aymerich.

Esta epidemia, indica o filósofo liubliano, pon ao descoberto os límites da globalización dos mercados e ademais sinala a estrema do populismo nacionalista, aquela que teima na soberanía plena dos estados.

Unha futuríbel realidade deshumanizante couta e desacouga a poboación mundial: “ficamos na casa, traballamos nos nosos computadores, comunicámonos por videoconferencia, facemos exercicio nunha máquina nunha esquina da nosa casa, masturbámonos ocasionalmente con pornografía diante dunha pantalla e obtemos o noso alimento mediante repartición a domicilio sen vermos nunca outro ser humano en persoa”.

Un ambiente catastrófico no que, amais dos virus, outros graves perigos se van anunciando no horizonte. Entre os que están secas, enchentes, vagas de calor ou tormentas asasinas.

Bocaccio, no Decamerón, puña en escena unha mocidade que, fuxindo da peste, se refuxiaba nunha mansión. Unha actitude escapista que contrasta coa outra que se reclama, baseada esta nunha operativa solidariedade global.

Un ambiente catastrófico no que, amais dos virus, outros graves perigos se van anunciando no horizonte.

Polo tanto, fronte a un escenario por completo distópico que ameaza a humanidade, a tese que nesta obra se defende é a de que cómpre unha solidariedade plena e incondicional e unha resposta coordinada a escala global. O que, entón, implica que, dende o exercicio pleno dunha verdadeira política, se comparta a información e se  coordinen os plans de actuación.

Mais para iso resulta imprescindíbel transformar o noso sistema económico e social. Cómpre “aprender a pensar fóra das coordenadas da bolsa de valores e do lucro e encontrar, simplemente, novas formas de producir e distribuír os recursos necesarios”.

Da experiencia da loita contra o coronavirus débese sacar a lección de que non é abondo crear algún tipo de saúde global para os humanos. Dado que estes comparten os diversos ecosistemas, o aludido sistema global de saúde debe incluír a natureza na súa integridade.

Unha probábel consecuencia da epidemia pódeo ser a imposición dun “novo capitalismo bárbaro”.

Na conxuntura actual tamén está a funcionar unha nova combinación entre discurso e realidade. Que se pode exemplificar nas diferentes estratexias, exercidas dende o poder, para contrapoñer as indicacións sanitarias para preservar a saúde das persoas co mantemento dunha boa ‘saúde da economía’.

Unha probábel consecuencia da epidemia pódeo ser a imposición dun “novo capitalismo bárbaro”, que, entre outros aspectos, afonde nas disticións de clase e no control das vidas.

Neste escenario avógase pola autoorganización das comunidades locais en combinación co aparello político e coa ciencia. Unha ciencia moderna que constitúe, tal como se considera, a forma predominante de universalidade transcultural.

Comentarios