martes 20/10/20

Ao pé de obra (128): Chorimas para Celso Emilio Ferreiro

Agora que se está a cumprir o cabo de ano do seu pasamento, ve luz unha publicación, de financiamento institucional, que dá conta do amplo estro, da fecunda pegada e da frutífera atracción que a figura deste universal escritor de Celanova leva suscitado dende aquel intre.

Ramón Nicolás é o responsábel de tan documentado traballo –tanto no que se refire ao acopio de datos coma á vertente gráfica–, cuxo subtítulo é, precisamente, Un memorial: 1979-2019.

Na súa estrutura vanse secuenciando os fitos principais ao abeiro dos cales se levou a cabo unha sólida actualización, estudo e divulgación da súa obra. A saber: “1979-1989. A década que preludia o Día das Letras Galegas”; “1989. Día das Letras Galegas”; “2004. O camiño cara ao vinte cabodano”; “2012. Centenario do seu nacemento”; “2019. 40 aniversario”.

É esta, segundo define o autor, unha viaxe con intención divulgativa que leva por encabezamento o nome das bravas e libres flores do toxo, que eran das que aquel máis gustaba. E que, se callar, simbolizan un algo a esencia dun espírito inconformista cuxa palabra foi musicada, de xeito diverso e reiterado, en innumerábeis versións.

Ademais da esmerada secuenciación e concienciuda sistematización de datas e datos arredor daquela figura, a obra obxecto de comentario posúe asemade outros valiosos materiais.

Como son, por exemplo, textos se non inéditos si ben pouco coñecidos para calquera lectora ou lector común. Xa sexan tanto orixinais seus coma creacións inspiradas na súa figura.

Éntre os primeiros poden citarse os poemas “A noite” ou “Abril 1972”, que mesmo nin están recollidos na súa Obra poética galega, editada en 2004. E, entre os segundos, as “Cantigas en verso de gaita gallega”, remitidas á homenaxe feita en Madrid ao pouco de el finar por Rafael Alberti. Ou o inspirador escrito, dado a coñecer no Parlamento galego o ano pasado, do autor do magnífico ensaio Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro.

Son estes, polo tanto, algúns testemuños dun rigoroso traballo que pon en claro o culto e o cultivo que a escrita dunha pluma da nosa literatura, dun amplo cultivador do galego leva suscitado, entre persoas de moi diversa índole e orixe, dende a desaparición física do creador.

Ao se tratar dunha edición non venal cabe formular, entón, unha dobre arela. A primeira concernente ao deber de espallamento deste volume en bibliotecas e centros públicos. A segunda relativa á posibilidade de que unha editorial chegue a comercializar este corpus para que circule entre máis xente.

Fiel ao legado do autor evocado, remato cunha gozosa lembranza da que, neste período, fun partícipe. A da restitución do seu nome no instituto da vila que o viu nacer. Ao tempo que se afirmaban as súas dependencias para uso e instrución da cidadanía da bisbarra. E ceibaban das gadoupas de escuros e elitistas intereses comerciais.

Ao pé de obra (128): Chorimas para Celso Emilio Ferreiro
comentarios