Opinión

Ao pé de obra" (123): O tatuador de Auschwitz

Con este título vérquese ao galego a obra de Heather Morris, traducida por María Alonso Seisdedos. O fundamento da súa creación é dar conta do testemuño dun supervivente de Auschwitz-Birkenau.

É unha narración de ficción que recupera as vivencias dun ancián, a través da súa lembranza, a quen a autora coñecería a comezos deste milenio, e que fora protagonista de primeira man do xenocidio levado a cabo naquel campo de exterminio nazi. No proceso de construción da obra procuráronse verificar os feitos relatados. Ao tempo que permanecer fiel aos sucesos da historia que se relatan.

En Se isto é un home, Primo Levi daba conta da súa experiencia directa naquel inferno de destrución humana no que se exterminaron 24.000 persoas nun só día. A perspectiva d’O tatuador de Auschwitz, con ser diferente o enfoque, debido ao proceso de literaturización da historia contada, converxe no propósito final da obra.

Que é o de relatar a experiencia padecida e ser testemuño fiel destes actos contrahumanos nas páxinas máis vergoñentas da historia. Reformulando, para isto, o sentir das verbas de Theodor Adorno: “Despois de Auschwitz non se pode facer poesía máis ca sobre Auschwitz”.

Velaquí, logo, o valor do potencial da literatura. Que permite exhibir unha realidade invisibilizada, que pode resultar imposíbel de comprender máis que é imprescindíbel coñecer.

Nesta irracionalidade de exterminio masivo, a consciencia do individuo, verbalizada na voz dos sufridores, é a de procurar manterse con vida: “Optar por sobrevivir é un desafío, unha forma de heroísmo”.

Este foi o cometido real do protagonista da historia, cuxa ocupación no lager (campo de amoreamento e exterminio) onde estivo deportado dende 1942, fica explícito no título. Marcar cun número o destino de quen ingresaban no horizonte sinistro presidido pola ilusoria lenda “O traballo libera”.

Xa que o que, en verdade, acontecía é que: “Morren presos de todas as formas posibles. Moitos de infeccións, desnutrición ou frío. Uns cantos logran chegar á cerca electrificada e suicídanse. Outros morren antes, abatidos polos gardas das torres. As cámaras de gas e os crematorios tamén fan horas extras”.

Neste campo serían exterminados por volta dun millón de xudeus. Identidade de ambos os superviventes —de orixe eslovaca— que, andado o tempo, haberían formar a familia Sokolov.

Dentro deste universo de crueldade extrema pónselles rostro a algúns dos principais responsábeis. Coma o sadismo practicado por Josef Mengele nos seus experimentos clínicos. Ou o gozo exquisito, no seu comedor privado, paladeando un champán exclusivo, de quen era o xefe máximo do campo, o comandante Rudolf Höss.

De aí que este libro constitúa unha valiosa mostra, a partir da ficción creada dende a declaración dunha testemuña directa, de achegar esta realidade ao lectorado actual. Para que non fique na amnesia nin no esquezo, como se pretendeu no seu día queimando a documentación para non deixar pegadas do holocausto.

Comentarios