Opinión

Ao pé de obra (127): Cadencias

Esta nova proposta narrativa de Manuel Portas abre cunha cita sacada dun dicionario relativa ao significado do termo que lle dá título á obra. Entre as dez acepcións que inclúe é, se callar, en función do contido que no libro se aborda, a número cinco a máis acaída: “Acento, entoación característica”.

Porque é no marco, alleo e cosmopolita, da grande urbe onde conflúe a peripecia vital dos tres protagonistas, dúas mulleres –unha estreando a mocidade e outra exercendo a madurez– e un home adulto. Entre os que se entretece un triángulo de encontros e desencontros por onde flúe a materia gris da (i)realización humana.

E, sobre todo, a capacidade de (des)arraigamento do individuo, que, na fase ulterior da súa evolución, acadou a condición de cidadán, o carácter de cidadá.

Para iso, cadaquén ao seu xeito, tivo que ir sorteando os obstáculos que lle foi presentando o existir. E abandonar, como marco común nos tres casos, o espazo natural primixenio e orixinario, conducente, de xeito inexorábel, a se integrar no boureo da multitude. En cuxo magma resulta irremediábel experimentar, en carne propia, o frémito da soidade urbana.

E aí, logo, nesa dimensión ontolóxica, é cando se crea o escenario propicio para o espir da intimidade e o ceibamento de afectos e desafectos. Dunhas protagonistas, se non de vidas paralelas, si de ángulos de intersección, a través dunha figura masculina.

A obra é testemuña, en primeiro plano, dun proceso de maduración e autoafirmación, persoal e afectivo, de quen experimenta, en tempo presente, dende a condición de muller, un proceso de adaptación, tan formativo coma brusco e contundente, á nova realidade da vida adulta.

Ao igual ca as carautas que poden ser o ves e o envés da faciana, a trama proxecta unha realidade de falsas aparencias. No vértice das relacións interpersoais de carácter heterosexual é aí onde o ser masculino semella ser o albo de confluencia.

Así e todo, no rol de sexos que se establece como transfondo das relacións afectivas, é a figura andróxena quen desenvolve un papel secundario ou subalterno no que é a complexidade actancial ou caracterización dos personaxes. 

A novela reflicte unha esculca psicolóxica sobre o conflito xerado pola interacción de tres protagonistas –in absentia– que se converte no escenario acaído para a proxección do subconsciente. De onde agroman, con diversos matices e modulacións, medos, segredos, desexos, intereses, frustracións, complexos e mentiras.

De aí que, como se apuntaba ao comezo, esta obra sexa un exercicio da expresión de entoacións ou acentos propios. Na diferente dimensión que cada figura feminina representa –tanto no plano denotativo como tamén no connotativo– conxúganse, como núcleo común, a fidelidade a uns principios. Que se poden sintetizar tanto no que é a procura do auténtico coma na defensa da dignidade.

Comentarios