Opinión

Ao pé da letra : Tantos anos de silencio

Nesta proposta narrativa de Francisco Castro percíbese a importancia e o valor da palabra xusta. Coma no poema. Para, segundo insinúa o sintagma do título, poder expresar os afectos de vidas cheas de ledicia que foron aniquiladas con impunidade.

Trazando coas palabras testemuños de realidades cruentas que non deben ficar no anonimato, no esquezo. Que non expresen cifras asépticas senón sentimentos reais, de carne e óso, proxectos e soños. Velaí o sentido das citas poéticas iniciais, de Miguel Hernández ou de Ángel González: “–¿Por que llorar, si todo en este libro es de mentira? // Y él respondió: // –Lo sé; pero lo que yo siento es de verdad”.

Na obra conflúen dous marcados planos narrativos vertebrados a través do tobo subterráneo da crueldade. Que conectan a brutalidade dun invisibilizado pasado xenocida —tal como certifican na actualidade solventes estudos—, desencadeado dende o verán do 36, co dramatismo dun opaco presente machista asasino.

O traballo de membros da Asociación pola Memoria Histórica é o que fai emerxer o alento e a voz principal desta historia: “os furados a tiros por camisas azuis, gardas civís ou simples cans famentos de sangue de vinganza, berraron máis forte e dixeron: sacádenos, estamos aquí”.

Na referida apelación á verba precisa cómpre referir o meritorio traballo exercido pola voz narradora dende diversos ángulos de expresión. Xa sexa para se situar no interior da angustia de quen, de xeito brutal, vai ser violada. Ou para designar o acontecido polo seu nome verdadeiro. E así, por exemplo, non falar de xente morta senón asasinada, nin de campos de concentración senón de exterminio.

Esta función pedagóxica da literatura aínda posúe outras vertentes. Como é a de desvelar a participación nos feitos de Igrexa, militares ou Falanxe. A construción a lume dunha nova España, coa queima de libros, torturas, violacións, espolio de bens alleos. Mais tamén o afianzamento do estado franquista dende unha escola represiva, o sabérense amparados pola Historia os asasinos ou aínda a (in)xustificábel xustiza divina do deus exterminador: “xa se sabe o que se di: se os deteñen e matan é que algo fixeron”.

E, dende logo, o contrapunto das aparencias de quen, a ollos da sociedade actual, se poden constituír en modelos de persoa ou, mellor dito, en persoas modélicas. Xa sexa este un vello respectábel —de quen se descoñece o pasado asasino— ou un exemplo de bo marido —que agacha a escura faciana dun maltratador—.

Contra a barbarie está o refuxio da poesía. Naquel libro de versos, publicábel por Ánxel Casal, exprésase a vida, o desexo, o amor, a liberdade. A consciencia de ser esta a única vía para acadar a sabedoría e a felicidade. A dignidade ao límite da ollada: “Denantes mortos que escravos”.

Da man da cultura e da educación exercida no tempo da República. Con sociedades recreativas e de instrución, fogares do pobo, bibliotecas populares e Misións Pedagóxicas.

Comentarios