Opinión

Aínda que se molle o galego non encolle

O sábado 28 de setembro as rúas molladas de Compostela acolleron unha concorrida manifestación, convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, en contra da LOMCE, cuxo nome auténtico debe ser Lei orgánica de desmellora da calidade educativa. Os seus principais méritos xa son ben coñecidos: españolizadora, confesional, clasista, privatizadora, sexista, reaccionaria.

O sábado 28 de setembro as rúas molladas de Compostela acolleron unha concorrida manifestación, convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, en contra da LOMCE, cuxo nome auténtico debe ser Lei orgánica de desmellora da calidade educativa. Os seus principais méritos xa son ben coñecidos: españolizadora, confesional, clasista, privatizadora, sexista, reaccionaria.

"Dende o goberno da Xunta seguen teimando manter a enquisa dirixida aos proxenitores das crianzas". 

Unha boa crónica do acto recóllese no artigo titulado “Queremos ensino en galego p'ra que o noso idioma non sexa estranxeiro”, que pode lerse na edición dixital de Sermos Galiza.

Entre as múltiples coplas entoadas na referida xeira festivo-vindicativa está a que lle dá título a este artigo. Nela contense un xurdio exemplo de propia afirmación e de dignidade colectiva, valores entrambos —considerados dende a perspectiva identitaria ou lingüística— que resultan de todo imprescindíbeis coa que, a mans dos poderes establecidos, nos está a caer.

Estes mesmos días manifestábase a reacción dos máximos responsábeis, deste rotundamente impopular goberno galegófobo que padecemos, perante a sentenza contraria a senllos artigos do decreto que regula a presenza do galego nas aulas. Nela anúlase a consulta ás familias para escoller a lingua vehicular do ensino en Educación Infantil.

Dende o goberno da Xunta seguen teimando manter a enquisa dirixida aos proxenitores das crianzas. Debería, logo, incluír tamén o formulario, entre outras moitas posibilidades, cuestións relativas ao empobrecemento das familias ou á desaparición das prestacións sociosanitarias.

Mais o tráxico é que estamos en mans dun fato, dos que se din ‘representantes públicos’, cuxa única misión é especular e facer negocio a conta, precisamente, do patrimonio de todos.

A lingua, o noso idioma, acada, neste sentido, unha dimensión esencial. Por canto ten de elemento indiviualizador, singularizante, no mercado desa tan ben tecida arañeira capitalista globalizadora.

"O galego convértese na necesaria canle vertebradora de conciencia —nacional, de clase— fronte á aparente inconsciencia das estratexias liberalizadoras deseñadas polo gran capital"

Vistas así as cousas, o galego convértese na necesaria canle vertebradora de conciencia —nacional, de clase— fronte á aparente inconsciencia das estratexias liberalizadoras deseñadas polo gran capital: flexibilidade horaria, liberdade de elección...

O goberno galego incumpre por completo o seu deber estatutario de promocionar o galego, de estender o seu uso social. E, ademais, agora róuballe a moita xente nova —criada en contornos castelán-falantes— a posibilidade de o coñecer.

O seu é un modelo —mais ca de plurilingüismo— bilingüe —castelán-inglés, inglés-castelán—, que lles furta á nosa mocidade a competencia nunha lingua que nos é propia e que posúe unha incuestionábel —a través do ámbito da lusofonía— proxección internacional.

Neste sentido acadan plena actualidade as palabras do “Manual do señorito” —incluídas nos Versos para cantar en feiras e romaxes— de Manuel María: “Non falar galego endexamais,/(é idioma do pobo, moi vulgar)”. Nelas fica ás claras a vontade de asimilación, o desprezo polo propio, o autoodio e un forte complexo de inferioridade por parte do sector dominante da clase política.

"Contra a LOMCE, contra as decisións do goberno galego, que atentan contra o público e que contentan os intereses privados, a sociedade non pode ficar queda, cada individuo ten que reaccionar".

Lonxe de se centraren nas grandes necesidades que, cada vez máis, se dan na escola pública, na gran desasistencia que sofre o noso alumnado —de formación, de acceso ao sistema educativo, de inserción laboral— , malbarátanse uns minguantes recursos comúns para atacar o propio sistema público e acatar os grandes intereses da especulación privada.

Contra a LOMCE, contra as decisións do goberno galego, que atentan contra o público e que contentan os intereses privados, a sociedade non pode ficar queda, cada individuo ten que reaccionar.

Para lle facer fronte a esta extrema regresión a única vía é a mobilización e a contestación cidadá. De aí que neste sentido, no ámbito educativo, a implicación decidida de todos os axentes —alumnado, profesorado, asociacións de nais e pais...— resulte fundamental.

Comentarios