Opinión

A utopía que diluíu o vento

O Couto Mixto acada o valor simbólico da liberdade, da república, da independencia, tal como subliña Xosé Luís Méndez Ferrín nas verbas limiares deste libro do que é autor Suso Díaz.

Primeiro poemario dedicado a esta entidade soberana, no territorio arraiano que mestura Galiza con Portugal, integrada polos lugares de Santiago, Rubiás e Meaus, “un pobo con tres corazóns” que latexan pola supervivencia.

Enxergado dende a óptica da perda máis tamén dende a da identidade, da identificación con este espazo máxico, da reivindicación deste mundo, visíbel, por exemplo, na apropiación onomástica ou no uso de termos propios desta área, aquí levado a cabo.

De aí a vontade de “Enarborar a palabra/sobor do silencio”. E aínda máis, de “Enarborar a beleza/coma a utopía que perdura” “desta república de ilusión” “onde a fronteira é/porta  sen pechadura”.

O valor do patrimonio cósmico enxálzase nos elementos simbólicos deste espazo no que se erixen os planaltos da utopía: terra, pedra, herba. “Terra para semente do corpo,/para os raizames da alma”. “Pedra para gardar/o pensamento do frío”. “Herba para acariñar o ar”.

Nesta latitude do sentir “o camiño séntese/na cerna que nos habita”. Mais é nel tamén onde se produce a constatación inerte da ruína, pois son, precisamente, os camiños os que agardan “os pés de ledicia duns cativos/guiando o gando”.

Daquela, a voz poética apela á arela da permanencia, “izando a bandeira do acordo/como sinal de identidade”. Á fonda responsabilidade da consciencia de corresponder ao sentir auténtico “que nos ergue coa esperanza/de seguir sendo nós”.

Cómpre indicar que cada unha das seccións poéticas que integran esta obra van introducidas cun breve texto a xeito de haiku. Os primeiros versos da penúltima delas aluden a un cambio de ciclo: “Fechan as chaves/un pasado sen máis”.

E aquí establécese un claro contrapunto que conlevan os novos hábitos da sociedade: “Os mapas son unha ruta no GPS,/unha ruta na fin de semana,/un lugar por descubrir”.

Nesta sincronía da contemporaneidade, son, polo tanto, as novas aplicacións tecnolóxicas as que serven para significar a dimensión da fractura: “Os mapas non amosan/o que non escribe o home/para construír/a súa historia”.  Velaí, logo, a carencia. Que lle abre paso á utopía, marcada no verso inicial desta derradeira sección: “Todo é posible”.

Aos arelados vieiros dos novos tempos: “Virán os que liberten/o Couto Mixto/do seu sono/de esquecemento”.

Comentarios