Opinión

A pé de obra: Alfredo de la Iglesia (112)

Esta obra constitúe un testemuño máis do amplo labor erudito exhibido polo profesor Xesús Alonso Montero na morea de publicacións que abrangue a súa vasta bibliografía.

Alfredo de la Iglesia. O intelectual, o educador e o autor do primeiro manual de Literatura Galega para escolares de Instituto (1919) é o título deste traballo, que constitúe o número 4 da colección “Letras da Academia”.

Nel, por conseguinte, realízase un achegamento ao pioneiro labor de quen é membro dunha senlleira familia na historia da erudición e da literatura galegas.

Xa que, quen lle dá nome ao referido volume, é fillo e sobriño, respectivamente, de Francisco M.ª e Antonio de la Iglesia. Ambos a dous autores do noso Rexurdimento, encadrados na nómina dos Precursores, malia non seren incluídos por Manuel Murguía no libro, de título homónimo, que publicou en 1886.

Segundo se detalla no estudo obxecto deste artigo, a vindicación destas dúas figuras –dentro das que singulariza a revista Galicia (1860-1865) e o Álbum de la Caridad (1862), onde tiveron un significativo protagonismo– ía xogar un papel relevante á hora de elaborar, Alfredo de la Iglesia, o manual escolar titulado Resumen de Historia de la Literatura gallega

Redactado nos primeiros meses do curso 1919-1920, “nunca, antes desta data (histórica, por conseguinte), un profesor (catedrático, adxunto ou interino) protagonizara experiencia semellante nun centro de ensino medio”.

Experiencia consistente, logo, en explicar na aula, a partir de outubro de 1919, na nosa lingua, un temario de Literatura Galega, disciplina cuxos contidos daquela estaban ausentes, de modo oficial, de calquera programación literaria.

Esta obra do profesor Alonso Montero inclúe unha edición facsimilar do dito manual, a partir da reprodución da libreta que o contén, arquivada nos fondos da RAG.

Consta este de catro partes, en cada unha das cales se analizan, de xeito respectivo, a época dos trobadores, unhas consideracións acerca desta época, a decadencia da literatura galega e mais a época do renacemento literario contemporáneo.

As aulas do Instituto de Pontevedra, onde exerceu a docencia, no período 1918-1931, como catedrático de Lingua e Literatura castelá, foron o marco da súa novidosa experiencia pedagóxica.

Centro onde, por certo, eran compañeiros seus, naquela altura, A. Daniel R. Castelao e Antón Losada Diéguez. Un profesor auxiliar de Debuxo, responsábel da cátedra de Filosofía o outro.

Esta práctica docente levouna a cabo, en concreto, dentro da materia Elementos de Historia General de la Literatura, alí por el impartida.

Cabe apuntar, de remate, que deste exercicio escolar sen precedentes, resultaría beneficiario, como é obvio, o seu alumnado. Entre o que se contaban os nomes de Luís Bouza Brey, Gumersindo Placer, Xosé Filgueira Valverde, Luís Pintos Fonseca ou o propio Antón Fraguas.

Comentarios