Opinión

A pé de obra: Tíralle da Lingua 2019 (111)

Logo dun par de anos sen se celebrar, a AS-PG volveu convocar a final de ámbito galego do Tíralle da Lingua. Esta, a XVIII edición, tivo lugar a pasada quinta feira 28 de novembro en Compostela.

Debido á importante afluencia de alumnado, en especial nas categorías de  participantes de menos idade, o escenario onde se levou a cabo foi o Palacio de Congresos e Exposicións.

Os obxectivos que fundamentan este certame son tanto promover o uso social do galego –principiando pola comunidade escolar– coma asegurar a competencia na fala do noso alumnado. Mais é ben advertir que, este que se dirixe á comunidade educativa, se trata dun concurso de relato oral.

A relación de centros cuxo alumnado resultou premiado, en función do nivel académico no que participaba, é a que segue:

- Primaria: CPI de Zas, CEIP Fogar - Carballo.

- 1º ciclo da ESO: IES Aquis Celenis – Caldas de Reis, IES Aquis Querquernis – Bande.

- 4º da ESO e ensino posobrigatorio: IES Aquis Celenis – Caldas de Reis, IES Pedregal de Irimia – Meira.

Este é un meritorio proxecto que leva consigo a preparación en escolas e institutos, coa celebración de diversas fases previas. Polo tanto, cómpre subliñar o labor levado a cabo dende todos os centros concorrentes e, por suposto, animar á participación en vindeiras convocatorias.

As que seguen son unha serie de recomendacións, que, ao xuízo de quen escribe, se deberían estipular nas bases e ter en conta nos centros á hora de traballar co alumnado na preparación.

Ao tempo que –de seren tidas en conta– tamén se han converter, logo, en indicacións claras que facilitarán o traballo dos membros do xurado avaliador, con vistas a realizaren con eficacia e co máximo rigor posíbel o seu labor.

Porque canta maior sexa a claridade na definición das normas do concurso, maior será tamén a homoxeneización das propostas traballadas nos centros educativos.

E daquela máis doado será avaliar os produtos resultantes –neste caso as diferentes interpretacións–. E, así, visualizar mellor aspectos como o labor realizado nos centros, as destrezas comunicativas e a potencialidade expresiva do alumnado galego.

Entre as consideracións, polo tanto, que apuntamos están as que seguen.

Deben ser obxecto de igual valoración as historias presentadas, sempre que se ateñan ao estipulado nas opcións de participación, isto é, seren de base popular, de base literaria ou de creación propia.

Hai que ter presente que este é un certame de relato oral –e non de representacións teatrais ou doutros espectáculos relacionados, que teñen as súas especificidades–. Por este motivo deberíase facer fincapé neste aspecto e apostar, en exclusiva, pola narración oral.

Convén ter en conta o diferente que é unha participación individual ou unha participación en grupo. En función do cal non sería mala idea explorar a posibilidade de convocatoria por separado de ambas as mostras.

E ter ben presente que os aspectos principais a valorar deben ser, xunto coa calidade da lingua –e o seu uso pedagóxico nun contexto escolar–, a posta en escena, a dicción, a interpretación e a adecuación da intervención en relación co contido da historia. Sen obviar, claro é, a complexidade do discurso que se interpreta.

Neste sentido, sería positivo que, por parte da organización, se establecese unha rúbrica na que se concretasen, co máximo detalle posíbel, todos os elementos valorábeis de xeito positivo por parte do xurado avaliador. A cal, sendo coñecida con antelación, lle permitirá ao profesorado dos centros preparar con eficiencia o alumnado para o fin que se persegue.

Comentarios