Opinión

A pé de obra (119): Luz

Cando empecei a tratar a Luz era eu bolseiro do Centro Ramón Piñeiro. Lembro perfectamente que acostumaba ila buscar á estación de tren compostelá para, en automóbil, nos dirixirmos, pola vella estrada que discorre cara a Noia, deica á Barcia.

Foi xa naquel preciso contexto cando me decatei con precisión da afabilidade esmerada do seu trato. Como anécdota podería referir, entre versos e conversas, o galanteo cerimonioso que, de xeito espontáneo, me vía requirido a facer, á entrada e saída do vehículo, con esa gran dama das nosas letras chamada Luz Pozo Garza.

Naquela altura estaba ella a iniciar unha novidosa andaina editorial, coa saída dunha nova revista poética, sucesora, logo, da revista Nordés, por ela dirixida, que botara a andar en 1975.

Vinte anos despois, en 1995 entón, vía a luz o primeiro dunha fecunda serie de números da revista de creación poética Clave Orión. Que ela dirixía e a que, no seo dun equipo de redacción, contribuín, durante os cinco primeiros números, a preparar.

Publicación, por certo, que contou coa colaboración literaria e plástica de numerosas creadoras e creadores. Que lle tributou homenaxes a moitos autores da literatura galega. E onde quen isto escribe deu a coñecer os seus primeiros poemas.

Naquelas gozosas tardes de traballo na súa compaña, achegando materiais e facendo propostas para a confección da revista, exhibíase a gozosa sensibilidade dunha muller de verbo doce e irradiante celme creativo.

E a querenza e complicidade cara a autores e obras da nosa literatura. Dentro do cal xogaría un papel ben destacado a poesía galega medieval. Véxase senón como mostra do dito o seu ensaio Ondas do mar de Vigo: erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo. Mais tamén outras, se callar, menos coñecidas aproximacións, das que vou facer referencia decontado.

No transcurso da primavera de 1998 tjveron lugar as I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa, de cuxa organización formei parte. No seu desenvolvemento a poeta ribadense disertou sobre “O mar maior de Mendinho como conflito”, traballo que está recollido no correspondente volume de actas.

Mais inesquecíbel resultou asemade a súa participación no volume -do que teño a honra de ser coordinador- titulado Mulher a facer vento. Saído do prelo das lisboetas Ediçoes Tema, selo que mantiña o amigo Alberto Augusto Miranda, e presentadas, na derradeira xeira daquelas xornadas, na 1 Sociedade de Instruçao Guilherme Cossoul.

A esta antoloxía poética, composta de textos inéditos de escritoras galegas, corresponden os seguintes versos, pertencentes ao seu poema “Ondas do mar de Vigo”: “antes de que as aves asumisen a aurora...//xa estabamos aquí para tensar o amor/xa estabamos na luz remota desta terra que amamos//Nesta chuvia tan feble/que toma forma de ave para sobrevivir”. 

Comentarios