Opinión

A pé de obra 116: Beleza vermella

Ao ir pasando as páxinas desta novela de Arantza Portabales é doado percibir nelas o recendo dalgúns dos grandes clásicos da literatura policial. Como ben podería ser a non disimulada filiación coas estratexias narrativas do xénero, aplicadas, póñase por caso, por Agatha Christie e que tanta proxección lle outorgaron ás súas obras. 

Así, en relación ao exposto, cómpre facer alusión ao recorrente elemento recapitulatorio conducente á reconstrución dos feitos, con vistas a botar luz na escuridade das pescudas. Ou, dende logo, á inculpación a priori de todos os protagonistas na secuencia criminosa do asunto que se investiga. Ata que, co avanzar da historia, o devir da trama tende a estreitar o círculo de posíbeis perfís asasinos. 

Os actuantes da obra son membros das clases acomodadas da capital galega, xa que logo, con boa posición económica, con reputado estatus profesional e, como non podía ser doutro xeito, posuidores dun gorentoso e selecto círculo de relacións e influencias. 

Mais é, en concreto, ao fío deste tan substancioso ámbito cando se pode incorporar, no relato argumental conducente a interpretar esta obra, o termo ‘novela negra’ para se referir a esta produción literaria. 

E isto débese a que o desennobelamento da investigación pon á luz o patio traseiro dunhas magníficas mansións nas que interactúan uns exclusivos protagonistas. E é aí cando fica en evidencia un intenso fedor a humidade e podremia que provén da reverberación do escuro dunhas vidas moi distantes de ser modélicas. 

O mundo da arte, en especial o universo pictórico, é o vehículo operativo que actúa de glamouroso envoltorio desencadeante do que acontece. Canda unha perceptíbel simboloxía cromática, o sintagma que dimensiona o título desta obra encripta o perfume oculto da metáfora. 

“A beleza é xelatina de amorodos a piques de podrecer”. É esta unha cita inicial do relato, onde están presentes, en proporcións análogas, a fermosura, a fugacidade da existencia e a crueldade potencial da condición humana a piques de se expandir. 

‘Amorodio’ resulta, neste sentido, un empregado efectivo neoloxismo para invocar o elemento nuclear dun notorio tecido social no que, a pouco que un se adentre nel, se percibe a intensa corrupción dun corpo que está enfermo. 

De aí que resulte doado radiografar algunhas das principais causas dunha densa urdidoira de motivos que, interrelacionados, están na base da execución dun crime. Como poden ser as frustracións, a envexa, a soidade, o desexo insatisfeito, a covardía ou a vinganza, todos eles dentro dos atributos da faciana escura da existencia. 

Nun contorno de aparencias, no que non se exclúe a ambientalidade do machismo, condicionado polo círculo vicioso das relacións sexuais, e unido asemade ao ámbito conxénito dos intereses materiais. Cuxo devir conduce, a resultas da rendibilidade da trama, á irremediábel eclosión do sangue

Comentarios