Opinión

A pé de obra: Por puntos (110)

A representación da realidade a través da linguaxe adquire nesta novela de Manuel Portas unha lúcida operatividade de base popular. Fundamentada, entre outras estratexias comunicativas, na ironía, no ton paródico, no dobre sentido ou nas mensaxes encubertas.

Nesta dimensión, a xeito ilustrativo, resulta rechamante o capítulo cuxo título conclúe co sintagma “...quen máis ordena”. Nel, en contra do sentir comunal da “Grândola, Vila Morena”, unha primeira persoa -a diferenza do resto da obra, na que se emprega a terceira- apostila que as normas de tráfico son as mesmas para todos.

Mais o poder nivelador do aquí expresado perde todo sentido cando é esta mesma voz a que, á vez, transparenta un fondo clasismo, complexos de orixe, prexuízos lingüísticos, práctica diglósica ou pervivencia dunha concepción castradora da mala educación.

O emprego de rexistros idiomáticos contrapostos –de xeito marcado, formal e informal– contribúe asemade a subliñar diferenzas sociais entre os protagonistas, que afonda aínda máis nos roles tradicionalmente determinados pola marca de xénero.

Así, mentres que a camareira emprega a expresión “facer tilín”, o inspector de policía “comparece” e o seu “modus operandi” é o de “proceder” a entrevistar os asistentes.

E, dende logo, a viveza lingüística e a rexouba tradicional serven para definir o substrato duns personaxes populares que, estes si, se expresan sen complexos.

E que deambulan por un territorio mestizo entre o urbano e o rural, aspecto este que constitúe unha fasquía evidente de boa parte da narrativa galega do noso tempo.

O que, pola súa vez, non deixa de ser un acaído retrato dunha sociedade na que se constrúe o espírito cosmopolita a base de altas doses de implacábel desarraigamento.

Polo que respecta aos tipos e estereotipos que circulan por estas páxinas, é ben sinalar que, en gran medida, obedecen a patróns comúns nos que se espella unha significativa dimensión do cotiá.

Así, por exemplo, pódense rexistrar patróns sociais de machismo, drogadición,  prostitución ou homofobia. Mais, como contrapunto de superación, enxérganse mostras –en contra dun subalterno e doméstico rol tradicional– da muller asumindo un papel activo ou de quen –logo de tempo sen tino de ocultación– asume a súa condición homosexual.

A introspección e a caracterización psicolóxica pon o albo continuo no ámbito duns arelados afectos e, canda unha fina viveza descritiva, dunhas relacións interpersoais xa consumidas ou –o que abre todo un abano de posibilidades e expectativas– por consumar.

De tal xeito que a obra ofrece un amplo catálogo de situacións nas que se exhibe a soidade ou o baleiro existencial, ao tempo que se ensaian o voyeurismo, as prácticas de sedución, un esmerado cultivo á aparencia –con aroma, por veces, a virilidade Varón Dandy– e, dende logo, non se deixa de apelar ‘ao sol ou ao tren que están pasando pola porta’, ás segundas oportunidades e a outras derivas relacionadas cos amores maduros.

E, ao final, coma nun refractario xogo de espellos que devolve a mirada ao principio, batemos cunha inevitábel circularidade. E volta a empezar, un día máis, cos silencios, devezos e contradicións que converten as nosas rutinas en barbeitos de tempo e leiras de pasatempo.

Comentarios