Opinión

A pé de obra: A luz da chuvia (115)

Resulta ben gratificante ser testemuña do achegamento conxunto ao eido da creación literaria de dúas voces que, por mor do fluír das voltas e revoltas dos camiños da vida, posúen unha sólida traxectoria, en eidos diversos. Dado que, tanto Delfín Caseiro coma Xosé Antón Xardón, son, para moita xente, vellos coñecidos no ámbito sociocultural galego das últimas décadas.

Agora, polo labor feito en A luz da chuvia, incorpóranse ao fecundo ronsel de narradores do seu territorio orixinario, entre os que sobranceaban nomes coma Carlos Casares ou Antón Riveiro Coello.

Mais, alén disto, o conxunto dos dez relatos que integran esta obra constitúen unha fervente homenaxe á dimensión antropolóxica da cultura popular da bisbarra da Limia.

Enxergada nun intre –hai por volta de xa máis de medio século–  no que convivían a vizosidade dunha poboada e ben abastecida de tradicións sociedade agraria coas evidencias dun imparábel e emerxente proceso de substitución de coordenadas rurais por outras urbanas.

Mais a condición híbrida da sociedade galega actual –na que conviven tanto o desarraigamento coma a vindicación da raíz–, con paisaxes cambiantes entre o formigón e o eido familiar, determina que moitos destes vellos mundos que se espellan neste libro lles resulten comúns ao conxunto do lectorado.

Tanto polo que respecta a protagonistas arquetípicos de boa parte da nosa xeografía coma aos elementos do fondo substrato cultural que conforman unha común identidade colectiva.

Entre os aspectos salientábeis desta obra cómpre singularizar todo o relacionado coa categoría da voz narradora. Dunha banda, polo exercicio de complementariedade autorial que dilúe as responsabilidades da escrita.

Doutra, polo amplo aproveitamento das potencialidades da narración oral, xa sexa para dar conta da reflexividade e do sentido dialoxístico do contar popular ou ben para facer uso dunha abundante e non infrecuente riqueza expresiva, tanto léxica coma fraseolóxca.

A ambientalidade creada recrea, en gran medida, unha época de posguerra e miseria. Dominada por unha escola castradora, o peso do calendario relixioso, o analfabetismo, o abuso de poder e a violencia franquista.

Nese escenario, no que decote se fai sentir o peso da tradición, é onde acadan, logo, unha especial funcionalidade o sentir cotiá dos diversos elementos da cultura popular.

De todos eles é de se significar o variado repertorio de mostras da literatura de tradición oral. Mais canda isto convén asemade significar a riqueza de crenzas e tradicións, a participación en tarefas comunais, a diversidade de faenas e oficios tradicionais ou a vitalidade de xogos populares practicados polos máis novos.

Unha rapazada que, en gran medida, ensaia vieiros vitais de iniciación, que abalan entre o consuetudinario peso da tradición e as pexas interpostas de contino por unha pecaminosa e intolerante relixión, nun período no que aínda non escaseaban os fuxidos botados ao monte.

Comentarios