Opinión

A forxa dun mito

Alfonso R. Castelao. A forxa dun mito é un traballo de Henrique Monteagudo saído na colección Biblioteca Nós. Trátase dun ensaio de vocación didáctica que achega o perfil intelectual dun persoeiro incontestábel da cultura contemporánea na súa complexa dimensión creativa e no proceso de construción dun expoñente esgrevio do nacionalismo galego.

Cuxo relevo, se non dende a fondura do discurso si dende a bagaxe que achega o seu renome, converteu a apropiación da súa figura en estandarte icónico das principais forzas políticas da transición galega.

Implicado, dende o agromar das Irmandades da Fala, no nacente movemento nacionalista, fixo súas, dende o comezo, angurias e angueiras das nosas camadas populares.

Ao tempo que –ao abeiro do ronsel creado dende o galeguismo– foi quen de construír unha obra decote empeñada en dignificar a lingua galega. Para o cal realizou un inquebrantábel e cotiá cultivo literario e público do idioma. Mostra elocuente da súa vontade son as verbas dun artigo saído n' A Nosa Terra en 1920: "Cando negas a capacidade literaria ao galego negas a túa propia capacidade literaria. Cando dis que non o sabes, eu entendo que non tes talento dabondo para escribilo. En castelán hai modelos e aínda métodos dabondo para fabricar literatura. Escribindo en galego xa non é o mesmo. Quen queira facer literatura galega ten que sacala do seu miolo. En galego hai moito que facer e pouco que roubar. Un home verdadeiramente artista, que non pense no rendemento económico do seu traballo, escollería o galego para ter estatura despois de morto".

Incuestionábel aposta e proposta idiomática, vindicativa da galeguización do ensino, que está presente no folleto –publicado co gallo das eleccións xerais de 1933– Ideas que defende e fins que se propón o Partido Galeguista, considerado o primeiro escrito seu de xorne político.

Autor dunha obra inxente, é no eido da oratoria onde a súa palabra acadou unha dimensión amplificada e contribuíu a espallar un rexo ideario de identidade e loita pola realidade propia do país.

O compromiso ético, artístico, político espállase con intensidade crecente ao longo da chamada Época Nós. En forma de conferencias acerca de caricatura, arte ou humorismo, co gallo do inmenso eco acadado pola exposición "Nós" –inaugurada en 1920– ou na tribuna política –sairía electo deputado polo Partido Galeguista nas eleccións a Cortes Constituíntes da República en 1931–, ao longo deste período e no do exilio posterior.

A campaña polo Estatuto, a defensa da integración na candidatura da Fronte Popular –nas eleccións de febreiro do 36 volveu saír elixido– son tamén mostras da súa acción. E a súa decidida participación na creación en Madrid, logo do golpe militar, dunhas milicias galegas para integrar o exército popular, de onde sairá o coraxudo Quinto Rexemento de Enrique Líster.

E de aquí o labor propagandístico pola causa da República, dende a URSS a Cuba e aos EE.UU. Aquí desenvolveu unha frenética xeira de mitins, co gallo de organizar a diáspora galega dende as claves do nacionalismo. Intención que tentou levar a cabo co gallo da súa estadía en 1938 en Nova York.

Líder indiscutíbel da colonia galega riopratense –onde arriba en xullo de 1940–, xogou un intensísimo labor organizativo, mobilizador e de dirección política do galeguismo.

Residente dende aquela altura en Bos Aires –agás durante a súa estadía en París, como ministro do goberno republicano no exilio, entre 1946-1947–, os grandes obxectivos estratéxicos do seu labor, sen obviar a defensa da causa republicana, encamiñáronse tanto a defender a autonomía de Galiza como a afortalar a consciencia nacional do colectivo migrante.

O multitudinario banquete homenaxe celebrado por mor da publicación de Sempre en Galiza, o 2 de xullo de 1944, supuxo a antesala da constitución do Consello de Galiza. Nun afervoado discurso de peche faría un repaso, sinalando a unidade e a coherencia, da súa traxectoria: "veredes que eu souben conservarme idéntico a min mesmo e que a miña vida moral e política é unha liña recta coma a franxa azul da nosa bandeira".

Comentarios